'Auria Nós' quere facer da rúa da Paz 'a burga do espíritu'

Camilo Fernández e Xan Rodríguez, promotores do proxecto
No medio desta atmósfera socioeconómica tan hostil, na que semella agotado o sistema produtivo, ven latexando un proxecto en Ourense que trata de pór en valor o capital literario-cultural da cidade
Un plan que Camilo Fernández Valdehorras, profesor-investigador da Universidade de Barcelona –un dos máis destacados especialistas en Otero Pedrayo e nos estudos da época Nós-, considera unha lanzadeira económica de valor estratéxico, non só para a cidade,senón tamén para a provincia e o despegue da industria cultural de Galicia. 

O proxecto do grupo que se denomina “Auria Nós”,e que botoua andar en 2008 coa compra da casa natal de OteroPedrayo  e Risco,anda xa nos papeis  e  ten, precisamente,como berce o mítico inmoble para a literatura galega situado na rúa da Paz.

Letras e augas Camilo Fernández está persuadido de que “os valores da tradición creativa de Ourense nas Letras galegas e españolas son un activo tan gabado canto invisibilizado, e economicamente desaproveitado”. Así, sendo dunha importancia polo menos equivalente ó das súas salutíferas augas caldas –afirma-, “o patrimonio histórico-literario dos ourensáns permanece inxustamente menosprezado por propios e foráneos. Mais debidamente valorizado, en clave museográfica e de mercado da industria cultural e creativa, convertiríase nun pólo de desenvolvemento extraordinario para a cidade”.

O factor que dota de singularidade este plan pasa non pola construcción dun “mausoleo”, nin dun macrocomplexo de edificios de nova planta, senón pola rehabilitación dun nó arquitectónico de catro casas do casco histórico na contorna da casa de Otero e Risco: a saber, a casa colindante pola traseira (Eirociño dos Cabaleiros), a esquineira polo lado (Rúa de San Miguel) e a fronteira da rúa da Paz conformando en xunto “o Burgomuseo Literario e Antropolóxico de Ourense (blauria, dito en siglas)”. Catro edificios xa existentes –e hoxe medio deshabitados- que serían transformados en contedor unitario dos equipamentos dun centro museográfico, didáctico e comercial, que o arquitecto XanRodríguez proxectou na recreación virtual que ilustra iste traballo.

Oferta novedosa
Fernández Valdehorras recorda que, “sorprendentemente, Ourense carece ata a data de equipamentos e ofertas deste tipo tendo óptimas condicións e razóns para facelo”.

E admite que “pese a que o investimento preciso para ese Burgomuseo tería uns custos económicos moderados e rendibles, pode que non naza nunca se fallan a vontade política e as sinerxias institucionais e sociais para materializado. Ora ben, a casa natal de Otero e Risco, logo de 35 anos de abandono está xa salva da piqueta e da especulación e será, máis cedo ou máis tarde, espazo público, esperemos que de uso cultural”.

Respecto á identidade deste edificio nodal do proxecto agrega, cun sorriso amplo nos beizos, “é un santuario laico do galeguismo abandonado á súa sorte, que pese a ser pequeno e modesto en proporcións trátase do edificio civil máis ilustre da Cultura galega moderna, xa que en lnaceron dous persoeiros axiais da creación literaria, cultural e política da Galicia do século XX, iconas do galeguismo europeísta e do nacionalismo conservador, aos que moitos temos por mestres espirituais da galeguidade”.

Tampouco aforra calificativos para o entorno pois sostén que“a Rúa da Paz deberá ser declarada Rúa Maior da Cultura de Galicia, irmandada coa rúa de Abaixo de Rianxo  (na que tamén a escasos metros de distancia naceron o trobador Paio Gómez Chariño, os poetas Paumán del Nero e Manuel Antonio, o gran Castelao e os irmáns Dieste), berce do genius loci ourensán”.

Te puede interesar