"Tódolos defensores da nosa lingua e cultura debemos felicitarnos"

Baltar tamén destacou o traballo da Fundación Carlos Casares, coa que a Diputación colabora activamente, á hora de difundir a súa obra

O nome de Carlos Casares era o que viña soando con forza nos últimos días. Precisamente, a Deputación de Ourense e mais o Concello de Xinzo de Limia organizaron un acto de forma conxunta co fin de que nas Letras Galegas do ano 2017 o escritor homenaxeado fose Carlos Casares. Un feito que onte se constantou e que fai que "tódolos defensores da nosa lingua e da nosa cultura debamos felicitarmos porque un dos grandes das nosas letras terá a homenaxe que se merece”, destacou Manuel Baltar, presidente do goberno provincial. Baltar tamén destacou o traballo da Fundación Carlos Casares, coa que a Diputación colabora activamente, á hora de difundir a súa obra facendo que a "figura poliédrica do insigne escritor ourensán creza co paso do tempo e agrome con forza unha nova semente que fortalece a nosa literatura e o particular xeito que temos os galegos de narrar e de contar os aconteceres da vida”, engadiu.

A agrupación veciñal Xinzo Adiante amosou tamén a súa satisfacción coa decisión da Real Academia Galega e afirma que con este recoñecemento "sáldase unha débeda que o País tiña con este escritor, académico e editor, ao recoñecer o seu labor literario, cultural e político; a súa loita polo idioma, a democracia e a liberdade, alén do recoñecemento da lingua galega", explicaron. 

O vindeiro 17 de maio, coincidindo có 50 aniversario da publicación de "Vento ferido", festexarase o Día das Letras Galegas e a Xunta traballará da man coa RAG, Consello da Cultura Galega, Fundación Carlos Casares e mais da súa familia, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada.

Te puede interesar