A iniciativa tamén foi posta en marcha por municipios como Coles
Barbadás intentará facer frente ao problema cos desbroces no labor da prevención contra os incendios e ten en marcha un proxecto de identificación das parcelas que incumpren as distancias mínimas establecidas pola Lei de Montes, para poder notificar aos titulares catastrais a obrigatoriedade de proceder á limpeza, alomenos naquelas que están a menos de 50 metros de vivendas habitadas.
Os alcaldes teñen alertado en innumerables ocasións do problema que xorde á hora de cumprir coa limpeza franxas de protección, xa que moitos terreos son, dalgún xeito, anónimos en canto á propiedade.
Hai pouco, tamén na área metropolitana, en Coles, finalizaron un mapa de franxas de protección, que presentaron polas parroquias, co obxectivo de facilitar as limpezas.
Partida adicional
Agora foi Barbadás o que dá o paso, a través dunha partida orzamentaria adicional á espera dun convenio coa Xunta para desbrozar o entorno dos núcleos habitados.
O concelleiro de Promoción Económica de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, sinalou que se encargou "unha investigación en campo para detectar as parcelas que incumpren a lei, de xeito que a través da información catastral sexa posible contactar coa propiedade para comunicarlle a obriga de proceder á sua limpeza".
O proxecto recibirá a documentación catastral para identificar in situ con axuda de GPS e fotografía de todas as parcelas, elaborarase unha base de datos con referencia catastral, datos asociados, coordenadas, fotografía e observacións obtidas no traballo de campo.
Boa acollida
En Coles, onde fixeron unha iniciativa parecida, destacaron a "boa acollida" que ten. Ademais, no resto de concellos da contorna teñen impartido charlas nas parroquias para advertir da necesidade de manter limpas as parcelas. En Nogueira de Ramuín, a alcaldía emitía un bando a finais de maio para recordar a obriga de cumprir coas limpezas. n