Carlos Mella reivindica máis presenza política para Galicia

O político e escritor recolleu o premio Trasalba 2022 polo seu traballo en prol da cultura galega

O escritor e político galego Carlos Mella recolleu onte o premio Trasalba 2022 no Pazo de Otero Pedrayo. O que fora vicepresidente da Xunta recolleu o “Ramonciño” rodeado de amizades e familiares, que homenaxearon a súa longa traxectoria en prol da cultura galega. “Recibir este premio é cousa ben distinta a outros galardóns”, recoñeceu Mella, que agradeceu ao xurado a súa decisión. “Anímoos a que se den máis présa, porque desta vez xogaron ao límite”, bromeou. 

 Durante a cerimonia de entrega do premio, o número 40 da súa historia, presentouse a fotobiografía “Carlos Mella Villar: Unha Galicia posible”, que repasa a vida do galardoado, orixinario do Foxo (A Estrada). Ademais, tamén se amosou o libro “Ao abeiro da amizade. Epistolario 1926-1976”, editado por Xosé Ramón Freixeiro. 

Máis presenza

Mella aproveitou a entrega do premio para poñer en valor a cultura e pobo galegos e reivindicar un maior recoñecemento dos mesmos. “Somos unha nación con identidade propia, iso xa non é discutible, pero aínda non temos a presenza política doutros sitios, como Euskadi e Cataluña”, asegurou. Na mesma liña, laiouse dos galegos “que non son galegos”: “Os que non pensan en galego, non falan en galego”. 

O galardoado sinalou a importancia de gañar forza como pobo para que Galicia siga avanzando, e deu un toque de atención aos políticos actuais: “Moita da nosa desaparición é traballada de forma consciente”. 

UNHA XORNADA ESPECIAL

A entrega do premio Trasalba 2022 supuxo a volta á normalidade despois das dúas últimas edicións, marcadas polas restriccións da pandemia. De feito, a cerimonia recuperou o tradicional xantar de amizades tralo acto do galardón, e contou coa participación do grupo musical A Roda. O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, recordou a importancia do Pazo de Trasalba, onde o recoñecido escritor ourensán escribiu gran parte da súa produción literaria. 

A xornada serviu como punto de encontro dos membros do padroado, así coma das diversas fundacións de autores galegos (Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Fundación Insua dos Poetas) e contou coa participación do presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Te puede interesar