Cofundador do colectivo 'Frente Comixario', tamén exerceu o xornalismo ata a súa prematura morte no 1991, con tan so 29 anos

Celanova homenaxeará ó pioneiro da banda deseñada, César Moreiras

César, a esquerda, con 'Tatá', un persoeiro popular de Celanova dos anos 80 e 90 (no centro), e cun amigo seu, Óscar Pereira. (Foto: ARQUIVO)
A Fundación Curros Enríquez, en colaboración coa familia do mozo celanovés César Moreiras, está preparándolle un acto de homenaxe que terá lugar o mércores, 1 de agosto, por ser ese o día no que César cumpriría os 50 anos que unha prematura morte acontecida o día 28 de xullo de 1991, cando aínda non chegará ás tres décadas de vida, non lle permitiu cumprir.
O seu irmán Enrique Moreiras e o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, levan semanas traballando nos pormenores dunha serie de actos que, como queda dito, centraranse no primeiro día de agosto e que terán como escenario a Casa dos Poetas, proxecto sobre o que César Moreiras informou en moi diversas ocasións na súa etapa de corresponsal de La Región en Celanova, pero que non tivo oportunidade de coñecer aberta debido, precisamente, á súa prematura desaparición.


FRENTE COMIXARIO

A xornada servirá para convocar a un gran número de amigos da mocidade de César, así como a unha ampla representación dos pioneiros da banda deseñada en Ourense, xa que logo, César Moreiras, xunto con Macaco, Miguel Carvalho, Moxón, Paradelo, Andrés Fortes, Robledo, Eduardo Meliñas, Xavi, Diego Domínguez, Alfredo González, Ermitas ou Henrique Torreiro e outros debuxantes ourensáns, ó abeiro da Casa da Xuventude de Ourense dirixida xa daquela polo tamén desaparecido Benito Losada, promoveron a finais dos anos 80 o colectivo 'Frente Comixario', que pasa por ser o auténtico pioneiro do mundo do cómic, do 'fanzine' e da banda deseñada ourensá.

A revista Frente Comixario xurdiu no ano 1989 e logrou permanecer na rúa ata o ano 1993, producindo 7 números e dúas publicacións especiais, consolidándose naquel momento como unha publicación de referencia en Galicia, poñendo as bases das Xornadas de Banda Deseñada que aínda se continúan a celebrar hoxe en día ó amparo da Casa da Xuventude ourensá.

O achegamento á linguaxe comunicativa a través do cómic e do 'fanzine', levou a César Moreiras a explorar tamén a linguaxe xornalística e no ano 1987 empezou a colaborar de forma profesional co xornal La Región nuns tempos nos que o periódico ourensán iniciou unha etapa de instalación física do xornal nas distintas comarcas da provincia, transformando as tradicionais e voluntariosas 'corresponsalías' en dotadas delegacións e naquel intre César Moreiras encargouse de abrir a primeira delas na vila do Carballiño.

Fillo dun matrimonio moi coñecido en Celanova, non en van o seu avó foi o encargado de abrir a oficina da 'Caja de Ahorros provincial de Orense' en Celanova e o seu pai, Cesáreo Moreiras, exerceu de director da mesma ata a súa xubilación, mentres que a súa nai Isabel Ingelmo participou activamente no proceso de recuperación do antigo Padroado Curros Enríquez e aínda hoxe forma parte, como vocal, da actual Fundación Curros Enríquez.

A súa bonhomía, ligada a un carácter especialmente afectivo e tremendamente extrovertido de César Moreiras, axudáronlle a cultivar durante a súa curta vida un gran número de afectos, non só en Celanova e na súa bisbarra, senón tamén naqueles outros lugares nos que residiu, o que farán, sen lugar a dúbidas, que a organización desta homenaxe constitúa en verdadeiro éxito.

Te puede interesar