FESTA POPULAR

Centos de fachós derrotaron ó frío na noite de Castro Caldelas

O Concello repartiu mais de 600 mañizos de palla entre os participantes na procesión pola vila

O lume dos 'Fachós' alumeou unha noite máis as rúas de Castro Caldelas. Pese ao intenso frío, centos de persoas participaron nesta celebración ancestral, que cada ano consigue máis adeptos, non só da propia vila, xa que prácticamente todos os veciños participan da celebración, senón tamén de moitas persoas chegadas de fóra.

A alcaldesa, Sara Inés Vega, onte chamáballe a atención os moitos descendentes de emigrantes da vila "que viñeron este ano, desde Madrid, Barcelona, Lleida, Valencia e incluso hai quen veu desde Panamá".

Ás oito en punto da tarde partía a procesión dos Fachós do adro do santuario dos Remedios, encabezada polo San Sebastián de palla e tras il, o Gran Fachón "maxestuoso", en palabras da alcaldesa.

Detrás, centos de persoas portando os seus pequenos fachós, repartidos polo Concello, feitos coa palla do centeo que sementa todos os anos co único fin de ter palla para esta celebración.

A procesión percorreu o casco vello da vila, alumeando o percorrido co lume da palla, chegou ata o castelo e voltou á entrada do santuario, onde se formou unha gran fogueira cos restos dos fachós.

A partir dese momento comezaba a parte gastronómica da celebración, xa que se puxeron á disposición dos participantes chourizos curados, pan artesán, viño da Ribeira Sacra e unha gran queimada, prolongándose a festa ata ben entrada a noite.

Te puede interesar