Os colexios do Ribeiro maniféstanse en Ribadavia contra os recortes de Educación

A Praza Maior de Ribadavia acollerá hoxe, mércores, dende as oito da tarde, unha concentración de protesta contra a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de modificar o próximo curso 2012-2013 as unidades escolares e reducir o actual cadro de profesores nos colexios das zonas rurais galegas.
A mobilización está convocada pola Coordinadora de pais do Ribeiro, que despois dunha primeira reunión de constitución o pasado sábado, está integrada polas asociacións dos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Cortegada, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño e Cenlle, e pola do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia.

O obxectivo desta convocatoria conxunta é unir forzas e levar a cabo medidas de presión colectivas que fagan á Xunta rectificar a súa decisión de levar a cabo recortes nos colexios públicos das zonas máis despoboadas de Galicia, según apuntan os seus promotores. Durante a concentración, nenos dos colexios afectados realizarán unha representación teatral, con banqueiros, conselleiros e bombeiros incluídos, baixo os lemas 'O noso futuro estuda nas escolas do rural', 'Non deixes que os banqueiros queimen o noso futuro' e 'Non ós recortes en Educación', para facer reflexionar á sociedade sobre a prexudicial política económica que está a desenvolver a Xunta.

Te puede interesar