Doce concellos, entre eles Ourense, puxeron en marcha a iniciativa
Un polbo que, ademais, é unha mantiña é a imaxe do proxecto "Apego" de dinamización lingüística desenvolvido cooperativamente por doce concellos galegos, entre os que se atopa o de Ourense, e que onte foi presentado no salón de plenos. Ademais, o polbo será un dos agasallos, que xunto con outros materiais, recibirán os bebés que nazan nos concellos participantes para que os acompañe durante os primeiros meses ou anos.
O obxecto deste proxecto é implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia para poder incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.
Por iso, dende os concellos impulsores se ofrecerán materiais, argumentos, recursos e accións ás familias, co fin de axudalas na crianza en galego e para procurar tecer redes de colaboración mutua.
Dende a organización de Apego elaboráronse unha serie de materiais cos que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego.
Tamén se creou un espazo virtual de información e intercambio que servirá como punto de encontro, www.apego.gal, que tentará ser unha porta aberta á oferta municipal en galego para estas idades mais tamén o quere ser ás iniciativas sociais de calquera tipo que concorden cos obxectivos do proxecto.