SANIDADE

Denuncian a situación "caótica" do servizo de urxencias do CHUO

A comisión do Complexo Hospitalario denunciou incumprimentos, colapso e situacións indignas para os pacientes

A comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) denunciou hoxe incumprimentos, colapso e "situacións indignas" para os pacientes que acudiron nos últimos días ao centro sanitario.

Nun comunicado, os sindicatos advertiron da situación sufrida por unha paciente que "estivo ata catro días nunha padiola no servizo de urxencias, nun oco que debería ser utilizado para atender a outros pacientes".

Tras considerar que se debe ao peche das unidades de hospitalización, a representación laboral critica as longas esperas, "de ata oito horas", na madrugada de onte.

Segundo explica a comisión, esta situación supuxo ter que ocupar espazos de exploración e compartir espazo enfermos con diferentes patoloxías.

"Todo isto, unido ao peche de camas estival, fai insostible e deixa ao bordo do colapso este hospital, incrementado polo lamentable estado do hospital Nai, abandonado por esta xerencia dende hai tempo," denuncia a comisión.

Por iso, os profesionais sanitarios esixiron o "cesamento inmediato" dos seus responsables, en concreto, do coordinador do servizo de Urxencias, Arturo González; a xefa de admisión, Peregrina García; o director asistencial, Ciro Cabezas, e a xerente do hospital, Eloína Núñez.

Te puede interesar