ENTREVISTA/ VIDA

Desdibuxando fronteiras

DSCN2412_result
photo_camera Carmen Penim.

2naFronteira agochanse dous nomes: Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, e a musicalidad de los versos de la generación "Nós"

Porque a fronteira sempre é interesante, baixo o descriptivo nome de 2naFronteira agochanse dous nomes: Carmen Penim e Maurizio Polsinelli; dúas nacionalidades, no caso de Carmen Penim, arraiana; un gran ecleticismo musical e unha desbordante creatividade na que a paixón pola vida, a terra, a lingua, as personas... traspasa casa composición. Composicións propias ás que se suman as verbas de grandes poetas, dende Lorca e Garcilaso a Blanco Amor ou Otero Pedrayo que musican para achegar a tradición literaria aos ouvintes. No pasado, os discos "Humo en los ojos" (2011),  "Alma" (2013) e "Zapatiños para Díaz Castro"  (2014). En proxecto, novos traballos musicais, entre os cales, un moi importante para a formación sobre a Memoria Histórica vinculada á muller.

Como definiría 2naFronteira?
Penso que somos unha boa mestura, tanto de nacionalidades, como de estilos interpretativos e métodos compositivos. Eu son máis intuitiva e Maurizio, dada a súa formación, é máis metódico compoñendo, pero ós dous nos encanta a improvisación e isto da frescura ós directos e tamén ás cancións mesmas, xa que moitas nacen precisamente así, dunha improvisación conxunta. O que máis nos define é a nosa gran creatividade e a paixón, a paixón pola cultura, a poesía, as nosas raíces. Ademáis disto, eu ocúpome da parte social do grupo: a representación artística que hai que facer con constancia para poder estar nos escenarios nun momento en que a cultura sofre recortes inxustos e ás veces inxustificados.


Na actualidade están a traballar nun novo disco, xa está definido?
Vai ser o disco máis fermoso de todos (ou será porque é o noso “bebé” máis recente e a min mo parece así, como cada vez que estás en fase de gravación). Representa o traballo de ano e medio de composicións en torno a textos publicados na Revista Nós. A idea foi da Asociación ProNos 2020 (pro Centenario da Revista Nós 2020), que nolo suxeriu ó coñecer o noso traballo con poemas de Otero.

Entre nós, como adianto, que se poderá atopar nel?
Haberá moito sentimento e paixón, e melodías moi variadas, con poemas de Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carballo Calero, Bouza Brey, Aquilino Iglesias e con moito orgullo, podo dicir que tamén estará presente a poeta ourensá Francisca Herrera. Contaremos ademáis coa colaboración de grandes músicos, aínda que a base do disco segue sendo o noso dúo. Estamos tamén editando xa un vídeo precioso dun dos temas con piano, batería e contrabaixo, que vai dar gusto velo e escoitalo. Todo o estamos realizando en Casa de Tolos, con Segundo Grandío.

No que atinxe aos temas e composicións propias... que os inspira?
Os temas propios son meus e normalmente eu busco inspiración na natureza. Saio camiñar armada dun móvil para gravar o que as voces da fraga me van dictando. Eu creo nesta unión espiritual co noso entorno natural e se sabes estar atenta, hai un millón de melodías e palabras que voan querendo ser engaioladas nunha canción. Tamén me inspiran as historias de vida da xente, por suposto. E a miña propia memoria. E logo, cando musicas poemas, podes traballar co ritmo dos versos e as palabras, como fai Maurizio, ou esperar a que aparezan as melodías soas, asomando entre os sentimentos e imaxes que espertan as palabras, como fago eu.

Os poetas tamén son protagonistas dos seus traballos, en especial os galegos, hai algún motivo?
Comezamos en Italia en español, con Lorca, porque é un poeta que ós dous nos fascina. Por deformación profesional miña, musicamos tamén a Góngora e Garcilaso nese primeiro disco. Pero logo a morriña foi vencendo e fun volvendo os ollos cara a nosa literatura. Tamén porque dalgunha maneira penso que podemos contribuir, humildemente, a que a xente se achegue a unha tradición literaria riquísima que, con música, resulta sempre máis doada de entender. E que se sinta orgullosa do seu e da súa lingua.

En que outros proxectos andan mergullados?
O ano pasado estreamos unhas cancións con poemas de Pepe Velo e imos continuar este traballo coa esperanza de que vexa a luz como disco no 2016, ano do seu centenario. Logo, Lorca está sempre ahí, como un traballo de fondo. É un traballo discontinuo debido ó tempo que nos collen os novos proxectos. De feito, estou empezando agora a fase de investigación sobre un tema moi delicado como é a Memoria Histórica. Quero facer un traballo sobre as mulleres na guerra e o exilio. E para isto estou contactando con estudiosos do tema que levan anos dedicados a el e con poetas mulleres que queiran participar no proxecto, pois gustaríame que fose un traballo eminentemente feminino. Somos os herdeiros destas mulleres valentes, que nos poden servir de inspiración polo seu tesón, a súa solidaridade e xenerosidade e a súa forza. Ves? Isto é a inspiración para un artista! Ó fin, todo se reduce ó amor: pola música, a poesía, a terra, a lingua, as persoas...

Te puede interesar