Diñeiro a man, en Taboadela

O caixeiro de Abanca entrou onte en funcionamento. (MIGUEL SAMBRÉIJOME)
photo_camera O caixeiro de Abanca entrou onte en funcionamento. (MIGUEL SAMBRÉIJOME)
Na mañá de onte entraba en funcionamento o único caixeiro que hai en todo o concello de Taboadela. Esta instalación permitirá aos veciños deste municipio non ter que ir ata Allariz ou mesmo ata a cidade para retirar un pouco de efectivo.

Hai un edificio en Taboadela que non para de gañar importancia. Sito na rúa da Veiga, este inmoble acolle o centro de saúde, a biblioteca municipal e, dende onte, tamén o único caixeiro de todo o municipio, de Abanca. Entre a veciñanza respírase satisfacción porque esta nova instalación evitará ter que desprazarse en coche para poder retirar diñeiro en efectivo. Con todo, “sempre se pode mellorar. Podían abrir unha sucursal porque no rural merecemos un trato igual ca nas cidades”, explica Bernardo Feijóo, un veciño. Hai anos, dende o peche dunha sucursal do Santander, que en Taboadela non había ningunha entidade.

Para Avelina Fernández, do bar Taboadela, esta chegada “é positiva, sempre que vaian chegando melloras á vila pois moito mellor”. Esta chegada afectará, indica Fernández, sobre todo “á xente maior, que xa non terá que depender do bus de liña para poder facer segundo que trámites no banco”. Na mesma liña se expresa Miguel Conde, “con este novo caixeiro, a xente maior xa non terá que depender de fillos ou veciños para sacar os seus cartos do banco. Tamén, outra xente o que facía era aproveitar o día da semana que baixaban á cidade ou á feira”.

José Cortiñas tamén está contento de que “as cousas vaian chegando”. Incide, coma o resto de veciños, en que este caixeiro evitará desprazamentos para unha poboación envellecida e que cada vez ten máis problemas de mobilidade. Con todo, outros veciños, como Bernardo Feijóo ou Juan Justo, aínda que celebren a chegada de novas instalacións, expresan que “a xente do rural fixo moito polas caixas de aforros e agora ven como se lles desprecia constantemente”.

Ademais, dende o Concello tamén anunciaron que o vindeiro 8 de setembro se realizará un curso para ensinar a todos aqueles interesados a facer trámites básicos no caixeiro, pensando especialmente na poboación maior.

Te puede interesar