Cultura

Apoio da Deputación ao documental sobre a Raia

raia_resultado
photo_camera Uno de los fotogramas del documental.
A "road movie", que aborda o vínculo entre Galicia e Portugal, estreouse onte

A Deputación colabora co proxecto audiovisual titulado “7 días na Raia”, un documental de Nós TV realizado a modo de "road movie" no que se abordan os vínculos lingüísticos, culturais, sociais e históricos entre os territorios e xentes de un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal, con paradas en numerosos puntos da provincia de Ourense como son Moimenta, Portocamba, Feces de Abaixo e Mandín, Santiago de Rubiás, Terrachán, Olelas ou Aceredo, entre outros. 

En palabras do presidente da Deputación, “Ourense, que conta coa maior extensión de fronteira entre España e Portugal, ten unha riqueza etnográfica, cultural e histórica que merece ser difundida, e este traballo documental amosa algúns dos aspectos máis destacados da singularidade e identidade do noso pobo”, afirmou ao respecto Manuel Baltar. 

O documental, estreado onte, emitirase de forma íntegra na canle de Nós TV, no 119 de R, e tamén se publicitará a través das redes sociais do medio de comunicación. Os vínculos lingüísticos, históricos, sociais e culturais dos lugares e persoas que viven a un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal marcan o desenvolvemento deste traballo audiovisual. Segundo os autores do documental, comprobarémolo a través das viaxes realizadas en coche ao longo dunha semana, inmortalizadas grazas ás cámaras.

Riqueza patrimonial

A través do percorrido, os espectadores coñecerán os nexos entre as dúas realidades a ambos lados da raia, e o resultado é un documental en forma de "road trip" que vai parando en numerosas localidades, de oriente a occidente, para falar con diferentes persoas de cada unha delas e poñer en valor os costumes e a riqueza patrimonial e cultural propia desta área, sinalan desde a produtora. 

 O documental, realizado por Xarda Cooperativa Galega para Nós Televisión, conta co apoio da Deputación, a Eurocidade Chaves-Verín, os concellos de Hermisende, Entrimo, Tomiño, Tui e a Cámara Municipal de Montalegre. 

Casa da lusofonía

A Deputación, seguindo unha liña estratéxica de apoio á identidade cultural, asinou en marzo pasado co secretario xeral da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Xosé Carlos Morell, un convenio de colaboración que permitirá instalar en Ourense a “Casa da Lusofonía”, dentro da rede de instalacións destas características que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Unión Europea. 

Baltar cualificou este fito como un “gran acordo a prol do noso, tendo en conta a fonda vinculación de Ourense co mundo da lusofonía e, por suposto, a lingua galega, o maior tesouro de Galicia, como sinala o noso Estatuto de Autonomía”. O presidente da Deputación xa valorara nos últimos meses como este proxecto "fala de cooperación, de entidade e de estratexia xeopolítica", máis aló cando "o portugués é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais".

 A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid, a Casa Asia en Barcelona, a Casa África en As Palmas ou a Casa Árabe en Córdoba. 

Te puede interesar