"ALIADO ESTRATÉGICO"

Os concellos coñecen novas formas de pago a provedores

Baltar: "Mellorar a xestión económica contribúe á modernización das administracións locais"

Alcaldes e técnicos de concellos de toda a provincia coñeceron onte as novas ferramentas de xestión de pago a provedores. Así o fixeron no marco dunha xornada formativa posta en marcha co obxectivo de facilitar ás administracións locais o cumprimento dos prazos de pago establecidos pola lei e proporcionar ás empresas un medio para axilizar o cobro de facturas.

Na inauguración do seminario, desenvolvido no centro cultural Marcos Valcárcel e organizado pola Deputación e Abanca, participaron o presidente do ente provincial, Manuel Baltar e a coordinadora de relacións institucionais na entidade bancaria, María José López.

O contido teórico e técnico foi impartido pola xerente de medios de pago de Abanca, Nélida Alonso Esteban, e a coordinadora de factoring e confirming da mesma entidade, Ángeles López Escudero. O xefe do Negociado de Formación da Deputación, Carlos Castiñeiras, foi o encargado de moderar a xornada.

O presidente do goberno provincial destacou na súa intervención "a alianza que mantén a Deputación con Abanca en diferentes ámbitos", entre os que destacou o "Plan Activamos/Transforma Ourense", que o ano pasado permitiu a inxección de preto de 20 millóns de euros no tecido económico e social da provincia. "Abanca é un aliado estratéxico que contribúe a desenvolver Ourense", engadiu Baltar, e lembrou que todo o que sexa "seguir mellorando na xestión económica dos nosos concellos contribuirá á súa modernización e competitividade". Neste sentido, subliñou o labor que o ente provincial e o Inorde levan a cabo co Observatorio Económico Ourensán, "unha ferramenta que a Deputación desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación da economía da provincia en todas as súas comarcas".

Pola súa banda, López Rubal agradeceu a implicación da Deputación neste proxecto formativo e noutros "nos que estamos a colaborar conxuntamente goberno provincial e Abanca na procura dun obxectivo principal", referíndose a "seguir impulsando a dinamización económica da nosa provincia".

Te puede interesar