FEIRA DE ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA

Unha feira do voluntariado para concienciar a Ourense

Ourense. 03-12-15. Local. Presentación actividades día do voluntariado. Sofía Godoy e Miguel Veiras.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A concelleira Sofía Godoy, co cartel do Día de Voluntariado. (XESÚS FARIÑAS)

Nunha intensa xornada no José Angel Valente, cada asociación participante informará sobre as súas actividades e sobre o traballo que realizan ao longo do ano

O Concello de Ourense vai celebrar o Día Internacional do Voluntariado, este sábado 5 de decembro, cunha intensa xornada de actividades na sala Valente desde as 11:00 horas. “Parécenos moi importante traballar man a man con todas as entidades de acción voluntaria da nosa cidade, xa que poñendo cada un de nós traballo e empeño podemos chegar a facer cousas moi grandes pola nosa cidade e os cidadáns que atravesan situacións difíciles”, explicaba a concelleira de Voluntariado, Sofía Godoy, quen mañá lerá na sesión plenaria unha declaración institucional consensuada por todos os grupos políticos representados no Concello.

Nesta Feira de Entidades de Acción Voluntaria, cada asociación informará sobre as súas actividades e sobre o traballo que realizan ao longo do ano. No apartado estritamente técnico, a Feira prevé dúas mesas redondas. A primeira delas versará sobre Voluntariado europeo (13.00 horas), coa intervención de Amigos da Terra, Sustinea, Amencer e da Oficina Municipal do Voluntariado. A segunda, en sesión vespertina, será sobre Voluntariado local (17:00 horas), e nela participarán todas as entidades socias da cidade de Ourense”.

Pero haberá tamén espazo para o lecer. Deste xeito, a Feira da Solidariedade e do Voluntariado albergará unha exposición fotográfica e, ao mediodía, haberá un flashmob pola rúa do Paseo ata a praza maior e volta acompañados dos Perqtores de Seixalvo, e no que participarán todos os voluntarios das entidades indentificados coas súas camisetas co obxectivo de facerse visibles perante a cidadanía.

Pechará as xornadas de formación o obradoiro “Comercio xusto a través da cociña” para nenos, impartido por Solidariedade Internacional.

“Somos conscientes de que a través do voluntariado activo pódense cambiar moitas cousas, e que cun pensamento global e unha acción local podemos transformar realidades próximas e cotiás”, comentaba Sofía Godoy. E é que actualmente hai 510 persoas apuntadas na oficina de Voluntariado (156 homes e 356 mulleres) de moi diversos perfiles: hainos xubilados, estudantes, xente en situación de desemprego... “Podemos dicir que hai voluntarios dos 6 aos 90 anos”, afirmou a concelleira.

Te puede interesar