'O galego préstase para cantar calquera canción'

O cantautor coruñés Xoán Eiriz vén de publicar o seu décimo terceiro disco, titulado 'Dende as cordas do meu corazón', onde recolle 18 temas nos que mestura cancións tradicionais con versións en galego dalgunhas pezas clásicas da música internacional, como o 'Hallelujah' de Leonard Cohen ou o 'My Way', que inmortalizou Frank Sinatra.

Sorprende esta combinación de música tradicional galega e cancións universais nun mesmo disco. Que hai tras esta arriscada aposta?

Levo máis de 30 anos cantando, e desque comecei a cantar sempre tiven unha teima, a de amosar que a lingua galega préstase para cantar calquera tema. Eu canto cantigas populares porque amo a música popular, e tamén teño cancións propias, pero quedábame a dúbida de por que en Galicia non se cantan grandes temas universais coma se fai noutras culturas de todo o mundo. Había ese oco, e eu sempre quixen mostrar a flexibilidade e universalidade da nosa fala.


FOILLE DIFÍCIL FACER ESTAS VERSIÓNS?

Non foi sinxelo, porque cando colles un tema que está noutra lingua non chega só con traducilo, senón que o hai que adaptar. Se fas unha traducción, a rima non funciona porque destrozas toda a canción. Así, ao traballar con 'Hallelujah', decanteime por unha versión en portugués que coñecía e que soaba magnífica.


Sentiuse cómodo traballando nesa mestura de estilos musicais?

Dentro dos temas que se atopan no disco hai un pasodobre que canto a dúo con Pili Pampín. Eu nunca cantara un pasodobre, e a aceptación que tivo a canción en internet sorprendeume gratamente. Recordo que tiven un mestre que me dixo que os grandes cantantes eran aqueles que cantaban calquera tipo de música, como fixeron Sinatra ou Pavarotti. Ese é o denominador común do disco.


Cal foi o papel dos seus seguidores na súa creación?

Este disco foi feito prácticamente polos internautas. Eu aproveitei a forza das redes sociais, e pedinlle ás persoas que me seguen en Facebook a súa opinión respecto a algúns temas que lles propuxen para versionar. Na actualidade teño a sorte de contar con preto de 10.000 siareiros nas redes sociais, e teño que aproveitar este agarimo, máis aínda cando é moi complicado vender música nas tendas.


Cal é o papel de Ourense dentro da súa traxectoria?

O pasado ano, sen ir máis lonxe, ofrecín un concerto acústico no Auditorio Municipal ao que non asistiu todo o público que eu desexaría, quizais porque collimos un espazo demasiado amplo. Na actualidade atópome en tarefas de promoción do disco, e veño de dar un concerto en Barcelona. Teño o obxectivo de facer unha xira galega de presentación polas principais vilas, e Ourense forma parte dos meus plans. A ver se teño a oportunidade de actuar no Teatro Principal, pero primeiro gustaríame facer una presentación oficial na miña cidade, na Coruña.

Te puede interesar