Historia tráxica e persoeiros reais

Blanco Amor en Bos Aires nos anos 80.
Coñeceu Blanco Amor á Nonó e a Zorrita? Pode ser. Tras pasar anos como emigrante en Arxentina, onde enamorou a máis dunha xoven, como recorda a escritora Elisa Feijoo, ‘non sabíamos que nós non lle gustabamos’. O voltar, Blanco Amor deixou claro que a boa conversa, a amizade e o viño eran parte dos praceres da vida.
Blanco Amor non chegou a coñecer persoalmente á Nonó, executada na época da posguerra SONIA TORRE ‘A Esmorga’ non é ‘A Esmorga’ si para lela non hai preto un pouco de bo licor café’. E quen afirma esta cuestión é unha das persoas que máis coñeceu a Eduardo Blanco Amor, con quen lle unía unha grande amizade, así que haberá que facerlle caso: tratáse de Arturo Baltar. A amizade e as boas conversas, regadas co viño e alimentadas con ricas viandas era un dos nexos de unión que reunían a personaxes como o autor, Arturo Baltar ou Julio Jimeno, entre outros na taberna do Ribeiro, testigo de tertulias literarias e estampas que xa para sempre quedaran só na retina dos seus protagonistas. Eduardo Blanco Amor retratou na Esmorga unha sociedade que coñecía moi ben e feitos, unhas veces vistos e outras contados. O feito tráxico que da pé á testemuña dun amedentrado Cibrán tivo lugar noutro espazo da cidade e foi ficcionado polo autor, quen lle adicou esa historia a Arturo Baltar.

O barrio das ‘niñas’, chamadas así naqueles anos, non era un dos lugares máis visitados por Blanco Amor de forma habitual. Nombra a Zorrita, a quen chegou a coñecer, e a Nonó. Esta última foi executada por cobixar na súa casa un home perseguido nos anos da posguerra. Blanco Amor non coñeceu a esta muller, pero si compartiu unha longa tarde de conversa baixo un braseiro (como os tres protagonistas atopan a Nonó na súa casa) cunha das ‘niñas’ máis coñecidas daqueles anos.

Francés, castelán e ¿inglés?

‘Ao outro lado da porta ouvíase no salón a pándiga que armaban os fletes cosa pupilas, bailando ao compás do guitarrón do cego de Cudeiro, que botaba as mazurcas en castrapo...’ Resulta difícil imaxinar ‘A Esmorga’ en outra lingua que non sexa ese galego. Pero todo é posíbel. Foi reescrita polo propio autor en castelán como ‘La parranda’. E no ano 2008, presentouse a traducción ao francés na colección Finisterre, que edita Terre de Brume, de Rennes. A empresa está dirixida por Ignacio Ramonet e Ramón Chao e a idea naceu dunha ourensá, María López, presidenta da Casa de Galicia de Touluse. A traducción a firma Vincent Ozanam. Agora a Deputación prometeu a versión en inglés.

A primeira crítica do ano 1959

Moito se ten escrito sobre ‘A Esmorga’. En medio século parece que xa non queda nada máis por dicir. Pero, ¿que se pensou desta obra no ano da súa publicación, contando a historia que contaba? Unha das primeiras críticas do libro foi publicada o 30 de outubro de 1959 por Francisco Álvarez Alonso, no xornal La Región . Entre outras cousas aseguraba o seguinte: ‘A Esmorga, no obstante su visión localista de las cosas, es una novela de anhelos universalistas. Esos ‘esmorguistas’ son tipos sacados de la vida de todos los días, aunque las exigencias de todos los tiempos los hagan cada vez más insólitos’. É certo, Blanco Amor retratou Ourense, pero en realidade, retratou unha parte da humanidade.

A censura e as obras A obra de Blanco Amor é bastante prolífica e diversa. Abordou, sen complexos, xéneros tan diferentes como o teatro, con títulos como ‘Farsas para títeres’ (1973), Teatro para a xente (1974) ou ‘Proceso para Jacobusland’ en 1980; a poesía; o xornalismo; a fotografía e a narrativa. ‘A Esmorga’ supuxo a volta á lingua galega. Foi publicada en Bos Aires no ano 1959 tras varios intentos da editorial Galaxia por sacala en Galicia, truncados pola censura. Anos máis tarde, a obra ‘Xente ao lonxe’ tamén se enfrentou a tixeira. En 1972, foi publicada unha versión censurada é en 1976 viu a luz o texto orixinal. Blanco Amor foi académico e protagonista do Día das Letras Galegas.

Entre Arxentina e Galicia

Breves apuntes biográficos.

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897 e morreu en Vigo en decembro do ano 1979, co que este ano non só se conmemora o 50 aniversario da publicación da Esmorga, senón tamén os treinta anos do seu pasamento.

Con vinte anos emigrou a Bos Aires onde tomou contacto cos grupos galeguistas que se movían na vida cultural da cidade. Nesta época comezou as colaboracións no diario La Nación e na revista ‘Nós’, ademais de publicar os primeiros libros: Romances galegos e Poema en catro tempos.

Volve a Galicia nos primeiros anos da década dos sesenta e publica novas aportacións narrativas e teatrais. Blanco Amor foi narrador, poeta, dramaturgo, fotógrafo e xornalista, profesión dende a que colaborou no xornal La Región . Os seus artigos están recollidos nun libro editado pola Deputación.

NO NOME DA ESMORGA

Asociación Milhomes. A Asociación de lesbianas, gays, transexuales e bisexuales coruñesa tomou o seu nome ‘Milhomes’ para, segundo aseguran, ‘rendir homenaxe ao protagonista homosexual da novela de Eduardo Blanco Amor, ‘A Esmorga’. Milhomes é un colectivo independente que naceu no ano 199.

Blogs. ‘Sin permiso de tu cara ni licencia de ustedes’. Ese é o nome dun blog no que o seu autor explica que ‘o título está inspirado en unas palabras que remiten a la novela ‘A Esmorga’, del escritor ourensano Eduardo Blanco Amor’. A frase está inspirada na afirmación de Cibrán Canedo: ‘Con permiso de su cara, con licencia de usted’. No blog explícase que ‘esta elección no deja de ser una anécdota que viene a manifestar mi devoción por una de las mejores novelas escritas en lengua gallega y que merece ocupar un puesto en la historia de la narrativa contemporánea’.

Premios. O premio Blanco Amor é un premio literario creado en 1981 en homenaxe a Eduardo Blanco Amor por iniciativa do concello de Redondela e está convocado por 52 concellos galegos, rotando cada un dos concellos en calidade de organizador. A obra gañadora publícaa a editorial Galaxia. Entre os gañadores atópanse nomes como Alfredo Conde, Xavier Alcalá ou o deste ano Luis Rei Núñez.

Ademais o Concello de Ourense, instauró no 2008 o Premio Eduardo Blanco Amor para os estudantes matriculados nos centros de ensino ourensáns. Nesta segunda edición o gañador foi Andrés Ocampo Lourido, do Instituto Blanco Amor, polo conto ‘Belén’.

Conmemoracións. O recordo da novela e o seu autor é constante en Galicia a través de moitas asociacións culturais que levan seu nome así coma institutos de ensinanza. A isto débense sumar os actos que cada ano teñen lugar na cidade de Ourense: por unha banda o percorrido do ‘roteiro da esmorga’, e pola outra a ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, acompañada dunha lectura dos seus textos no día do seu pasamento. Na Avenida de Pontevedra unha escultura de Xosé Cid lembra a figura do escritor.





Te puede interesar