CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O home das 120 mil vacas e 700 mil ovellas

Caricatura de Ramón Santamarina da revista bonaerense "Caras y caretas".
photo_camera Caricatura de Ramón Santamarina da revista bonaerense "Caras y caretas".
Por máis que non sexa unha figura anónima, hoxe paga a pena volver sobre Ramón Santamarina, un ourensán que chegou a Buenos Aires con 13 anos e acabou sendo dono dunha facenda de 10 mil km², 3 mil máis do que ocupa a provincia de Ourense

Son varios os factores polos que a biografía de Ramón Santamarina debería ser trasladada á gran pantalla. É certo que Ángel de la Cruz traballou nun documental emitido en xullo do ano pasado nunha serie da Televisión Galega titulada "Facendo as Américas", pero a historia daquel neno da burguesía ourensá que o día 3 de abril de 1835, cando non pasaba dos 8 anos, foi levado por seu pai -un alto mando da cohorte de Fernando XII bastante crápula- á Torre de Hércules e alí mesmo lle fixo prometer que lle devolvería á súa familia a honra e o capital que el desplifarrara, e, sen máis preámbulo, apuntou cun revolver cara a súa sen e disparou un tiro que o fixo caer coma un saco diante dos pequenos e seguramnte horrorizados ollos do seu fillo, non me diga que -alén da impactante traxedia que acompañaría ó neno ó longo da súa vida- non é unha escena digna dos mellores trhillers de Hollywood.

Como, no mésmo xénero de suspense podería ser incluída a imaxe terminal da súa vida, unha madrugada do ano 1904, nun piso da Avenida de México da cosmopolita Buenos Aires, cando contaba con 77 anos e pasaba por ser un dos homes máis ricos da Arxentina.

De todos modos -tanto por ser xa abordada en distintos medios de aquí e de acolá -incluso neste, por José Paz, non hai moito tempo-, como por estar a Rede ateigada de entradas sobre a súa biografía, sobre a inerminable torgueira e mesmo sobre o seu legado actual, que traballan e desfrutan infinidade de descedentes de Ramón, non vai ser a cuestión biográfica a que ocupe o groso desta crónica, senón as impresionantes cifras arredor das que este home se moveu na cidade de Tandil e mesmo no resto da Pampa, lugares que tan ben o acolleron cando aínda era un mozo ó que lle comezaba a saír a barba, como aínda hoxe o conserva ben presente na memoria, cun hospital que leva o seu nome, dous monumentos que fan referencia á súa vida e, sobre todo coa empresa agropecuaria "Santamarina e Hijos", que se mantén completamente activa dende o 1 de xullo de 1890 mantendo sempre na presidencia e nos principais postos de dirección a membros da familia Santamarina que agora xa andan pola cuarta xeración.

O motivo desta perspectiva non é outro có de colocar fronte ó espello da evidencia a aqueles ourensáns que non tivemos que emigrar, co fin de poder amosar a través destas cifras ata que niveis inimaxinables pode chegar o carácter emprendedor e o ímpetu dun ourensán alén das nosas fronteiras.

E ben a conto ó fío do absurdo e impropio debate nacional aberto estas últimas dúas semanas, logo das declaracións do ministro de Consumo a un xornal inglés desmerecendo a calidade da carne que se consume no noso país, por mor -quixo dar a entender- da existencia do que agora todos coñecemos como macrogranxas.

Vexamos, primeiro, entón, as cifras gandeiras coas que conta actualmente a provincia de Ourense. Segundo os datos recollidos no censo de bovinos do Instituto Galego de Estatística relativo ó ano 2020, Ourense ten rexistradas 27.627 vacas -2051 de leite e 25.576 de carne- e 41.098 bovinos, é dicir becerros, novelos, bois, etc.

Pois ben, se agora nos detemos nun documento inédito en Galicia, que recolle unha conferencia pronunciada no Jockey Club de Buenos Aires o 26 de agosto de 2004, pola historiadora Marta Larguía de Arias, que aínda que non leve á vista o apelido Santamarina, é bisneta do primeiro patriarca, veremos que cando Ramón Santamarina decidiu seguir o camiño de seu pai, pegándose un tiro na soidade da súa casa bonaerense, o día 5 de outubro de 1904, contaba cun total de 33 fincas (estancias) que tiñan máis de 3 mil Km² de superficie (outro descedente de Santamarina fala de que chegou a posuir 10 mil Km²) nas que pacían 120 mil reses bovinas e 700 mil ovellas. Volvo a Ourense para rematar dicindo que a nosa provincia conta actualmente cunha superficie de 7.273 Km².

A carreta de bois, a loita contra os indíxenas e a arte de sacar sempre virtude dos problemas

Esta es la carreta que Santamarina utilizaba. Aparece en una nota de 1904 sobre Ramón Santamarina.

Carros utilizados por Santamarina no transporte entre Tandil e Buenos Aires.

Entre a infinidade de episodios vitais dos que foi protagonista Santamarina ó longo das case oito décadas de vida, cabe destacar que a súa fortuna -ó máis puro estilo do carreteiro da Gudiña, Sebastián Aparicio, en México- xermolou da adquisición dunha carreta de bois coa que comezou a facer o trasporte de coiro entre a pequena cidade de Tandil e a capital bonaerense, nunhas viaxes interminables, non só pola distancia, senón tamén pola velocidade dos bois, a climatoloxía e a continua amezada dos indíxenas, preparados para asaltar as comitivas cos seus cans cimarróns a nada que flaquearan as forzas dos "boyeros".

Chegara a Buenos Aires no ano 1843 e seis anos despois xa era propietario de 24 carretas. Negocio, este, que pasou a formar parte do emblema familiar e símbolo da sociedade actual "Santamarina e Hijos", que Ramón fundara en 1890.

No ano 1863 mercou a primeira "estancia" con 1.575 Ha, ata sumar 33 fincas cunha superficie de preto de 3 mil Km² , a terceira parte da provincia de Ourense.

E entre todas elas houbo dúas especialmente significativas. A primeira, coñecida como a "Pedra Movediza" porque sobre un inmenso rochedo descansaba unha enorme pedra en equilibrio, coma a de Muxía, e que lle acabou regalando á cidade. A pedra caeria inexplicablemente pouco tempo despois de que Ramón Santamaría buscase a morte no seu piso bonaerense. E a segunda sería a coñecida finca Bella Vista, que aínda hoxe pasa por ser a sede social da familia e que no ano 1902 contaba con 2.500 vacas, exportaba mensualmente 90 Tm de manteiga e albergaba un parque "que tiene ya un millón de árboles", a dicir do semanario "Caras y caretas" de xuño de 1902.

E se as cifras empresariais abraian, non o fan menos as díxitos familiares, pois, se ben, coa súa primeira muller, a vasca Ángela Alduncín, ten tres fillos (entre eles a coñcida Angelita Varela), coa segunda -sobriña da primeira- acaba tendo 13, que fixeron carreira política e na avogacía bonaerense, constituíndo un clan de 58 netos que en 2004 alcanzaba o número de 900, ligados todos por unha "Acta de familia" que Ramón lle mandou asinar a toda a plebe baixo o lema "entereza en la adversidad, constancia y honradez en el trabajo y en la prosperidad, tolerancia y bondad".

Así era este ourensán que aínda tivo tempo de ser primordial para a eclosión de Tandil, para fundar a localidade balnearia de Orense, así como a de "Ramón Santamarina".

Te puede interesar