Homenaxe “xusto e necesario” ao xinecólogo Manuel Peña Rei

Ourense. 28-11-2015.Descubrimiento de placa ante la clínica de Manuel Peña REy. Paz
photo_camera Jesús Vázquez e os irmáns Manuel e María de los Ángeles no descubrimento da praca ao seu pai, o xinecólogo Manuel Peña Rei.

Unha praca en San Lázaro e un acto da Irmandade da Sanidade Galega honran ao médico galeguista 

O Paraninfo do IES Otero Pedrayo acolleu onte un acto de homenaxe ao doutor Manuel Peña Rei (1899-1957), un dos pioneiros da Xinecoloxía en Ourense. Non se sabe con certeza se foi o primeiro médico desta especialidade que se estableceu na cidade aínda que se ten constancia da súa actividade dende o ano 1917. A Irmandade da Sanidade Galega (Isaga) honraba así a memoria deste ilustre da medicina ourensá pero tamén o seu compromiso co uso da lingua galega no ámbito sanitario. "Foi un home comprometido co galeguismo e proba diso foron as súas reseñas que publicou na revista Nós", explicou Pablo Vaamonde, presidente da Isaga.

Os seus fillos, Manuel e María de los Ángeles Peña-Rei Bouzas, asistiron tamén ao acto de onte, que comezou ca colocación dunha praca no edificio no que o seu pai exerceu a profesión ata o 1957, sito no número oito do Parque de San Lázaro. "Un letreiro xusto e necesario", dixo Manuel Peña-Rei, médico e dirixente do Partido Comunista, que di ter moitas lembranzas do seu pai. "A mellor herdanza que me fixo foi unha biblioteca fermosa e a súa afición pola lectura. Cando tiña un oco, sempre lía libros de historia, literatura ou de calquera temática", dixo. Outros dos recordos que aínda mantén vivos é o sepelio do seu pai, momento no que el tan só tiña 19 anos. "Estaba estudando Medicina en Santiago e quedei abraiado coa multitude de mulleres que había no seu enterro", explicou. Peña-Rei fixo referencia tamén á solidariedade do seu pai cos médicos máis novatos. "Daquela época non había sanidade pública e o meu pai axudou aos médicos máis novos, que o tiñan complicado para comezar", explicou. Di que intentou vivir alleo á represión franquista, que incluso chegou a condenar a morte ao seu pai. "Non foi fusilado grazas aos seus amigos e compañeiros", dixo o médico psiquiatra David Simón Lorda, quen lembrou que no propio Paraninfo do Otero Pedrayo era onde se celebraran os consellos de guerra.

Durante o acto académico, que contou coa presenza do presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Jiménez, entre outras personalidades, tamén se procedeu á incorporación de novos irmandiños de Isaga, que se comprometeron ao uso do galego no seu ámbito profesional. O presidente da Isaga, Pablo Vaamonde, pediulles que potenciasen o uso da lingua xa que "se o galego ten dificultades no eido social, moito peor no ámbito médico", explicou. Tamén se agradeceu o compromiso doutros médicos como é o caso de Carlos Quintián, "o primeiro que empregou en Ourense a receita en galego", dixo Xosé Luis Álvarez Prieto, membro de Isaga.

Te puede interesar