CULTURA

As cinzas de Rodolfo Prada volven tras 38 anos no exilio

Unha emotiva cerimonia devolve ao ilustre galeguista á Galicia autónoma polo que tanto loitou

"Benvido á rúa terra, Rodolfo Prada". O ilustre galeguista ourensán volveu onte á que sempre foi a súa patria. As cinsas do que foi albacea testamentario e gran valedor de Castelao na Arxentina– chegaron onte a Ourense, xunto ás da súa dona, Manuela Fraga, e repousan xa no salón de plenos do Pazo Provincial, onde ficarán varias semanas. 

Nunha emotiva celebración, na que a urna accedeu ao salón de plenos escoltada pola Real Banda de Gaitas, deuse por rematada "a longa noite de pedra" á que foi condenada a figura deste célebre fillo dos Peares (A Peroxa,  falecido en 1980
"Volveu. En 16 días transcorridos desde que a súa neta pediu a repatriación conseguímolo", destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. E volveu porque se cumpriron os requisitos: "Unha Galicia democrática e con goberno de seu". 

Con esta chegada e a confirmación de que  "A derradeira lección do mestre", obra senlleira de Castelao, estará en Ourense, vivirase un fito histórico, xa que a cidadanía ourensá poderá apreciar ese cadro no mesmo lugar onde repousarán os restos do seu promotor.


Promotores


Baltar non esqueceu os agradecementos aos grandes promotores da volta de Prada a Ourense. "Temos que agradecerllo á súa familia, á asociación cultural "Rodolfo Prada" e ao xurado do premio Ourensanía, que, no seu momento, fixo un chamamento para recuperar da memoria a persoas que, malia o seu  impagable labor a prol de Galicia, atopábanse no esquecemento".

O presidente da Asociación "Rodolfo Prada" –creada en 1982–,  Francisco González, cualificou o día de onte como "histórico" ao dignificar a un "home de consensos" e "piar fundamental" na vida de Castelao. Del dixo que fora un "galeguista convencido" e que loitou polo que "parecía unha utopía pero que hoxe é unha realidade": a autonomía de Galicia. 

Manuel Baltar agradeceu tamén a presenza no acto de membros da actual directiva do Partido Galeguista, “no que militaron persoeiros como Castelao, Risco, Xaquín Lorenzo ou Rodolfo Prada, quen contribuíu a facelo máis grande en toda América". 


Elena Prada: "Fui fiel testigo del inmenso trabajo que hizo por su patria"


A gran protagonista do evento foi María Elena Prada, neta de Chamochín, moi arroupada durante o acto, emocionouse á hora de falar, pero puido debullar unhas poucas palabras. "Viví con mi abuelo y mi abuela 12 años, después de la trágica muerte de mi madre, y fui fiel testigo del inmenso trabajo que hizo él por su patria, Galicia. Como dirían mi abuelo y su hermano Castelao: "Terra Nosa".
O presidente de PEN Galicia, Luis González Tosar, relatou a historia de Prada en Arxentina, unha andaina "de traballo, sacrificio e co obxectivo de todo emigrante: prosperar", subliñando que comezou en Bos Aires "a facer Galicia", conectando co galeguismo –grupo Nós- , e que foi un "bo e xeneroso". 


Unha homenaxe con moitos cargos e coa lectura de anacos do "Sempre en Galiza"


A homenaxe ao galeguista dos Peares contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; deputados provinciais de todas as formacións políticas alcaldes do Consorcio dos Peares, e persoeiros dos ámbitos cultural e social. 

No acto participaron, ademais, alumnos de Primaria do colexio Padre Feijoo-Zorelle, que leron fragmentos da obra "Sempre en Galiza", de Castelao. De feito, un dos primeiros exemplares da primeira edición, da editorial As Burgas, ocupou un lugar destacado no acto, ao carón das cinzas de Prada Chamochín e a súa dona. 

Te puede interesar