OUFF

'Level Up' e 'Sons do Entroido II', entre a fenda xeracional e a comuñón lúdica da festa ourensá por excelencia

Ourense. 17-11-15. Local. Presentación sección de documentais do OUFF.  Na foto césar Silva, Marcos Fdez e Miguel Ángel López.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera César Silva, Marcos Fernández e Miguel Ángel López, na presentación dos documentais. (XESÚS FARIÑAS)

Miguel Ángel López, fotógrafo profesional e antropólogo de formación, autor de “Sons do Entroido II”, quería “elaborar un documento sobre ese panorama inabarcable e tan variado que é o entroido”

Dentro da sección “Panorama Galicia” do Festival de Cine de Ourense, chegan “Level Up” e “Sons do Entroido II”, dous traballos totalmente dispares pero que no fondo, paradoxalmente, abordan o comportamento dos seres humanos, aínda que certamente dende perspectivas diferentes que desvelan a contradición da fenda xeracional e a comuñón que provoca a festa do entroido coa abolición das diferencias persoais e sociais.

En “Level Up”, Marcos Fernández tratou plasmar “unha realidade que vexo no entorno” e que ten que ver co desdén co que, ás veces, os novos tratan as persoas maiores, atribuíndolles ignorancia só polo descoñecemento ou feble manexo das novas tecnoloxías. Fernández valeuse do vocabulario e da filosofía que impoñen os videoxogos, que miden por niveis a pericia dos usuarios. Pregúntase “que pasaría se unha persoa de 70 anos, en vez de vello ou vella, dixésemos que é de nivel 70 en experiencia?”, na seguridade de que variaría notablemente a súa posición no particular ránking que establece o código xuvenil.

Para elaborar o documental valeuse de persoas heteroxéneas e de distintos perfís, de xeito que puidesen ofrecer unha visión axeitada da realidade vista dende este prisma. Marcos Fernández é xa un veterano do festival, posto que xa ten participado en cinco edicións, como desvelou o director de programación, César Silva.

Sons do Entroido II

Miguel Ángel López, fotógrafo profesional e antropólogo de formación, autor de “Sons do Entroido II”, quería “elaborar un documento sobre ese panorama inabarcable e tan variado que é o entroido”, que ve “coma unha obra coral –e non só polo colorido-, senón polo que aporta cada unha destas manifestacións en función do lugar”.

Engadiu Miguel Ángel López que “a idea sería xuntar entroidos de moitos puntos, incluso de mais alá da provincia de Ourense e de Galicia, na idea de reflectir todo tipo de manifestacións entroideiras”. O traballo recolle “boa parte dos entroidos ourensáns, aínda que non todos, porque iso sería imposible”. Todos teñen o seu valor xa que, “hainos con menos sona, pero que logo son moi ricos, como o do Covelo, que dispón de moito ritual oral, máis que musical”, que é o que prima na maioría dos entroidos.

Te puede interesar