ENTREVISTA

Marcos Viso: "Na ilustración dixital existe o prexuízo de ser menos real que un óleo"

OURENSE (CAFETERÍA TRAMPITÁN). 13/09/2018. OURENSE. Retrato del ilustrador Marcos Viso. FOTO: ÓSCAR PINAL.
photo_camera Marcos Viso, ilustrador de "Paseniño, Paseniño".

"Paseniño paseniño" (Xerais) segue o rastro das pegadas que Rosalía de Castro deixou sobre as palabras. Os poemas de Antonio García Teijeiro xogan nesta publicación coas ilustracións do ourensán Marcos Viso, que marchou da arquitectura técnica hai uns anos para apostar polos debuxos

"Paseniño paseniño" (Xerais) segue o rastro das pegadas que Rosalía de Castro deixou sobre as palabras. Os poemas de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, xogan nesta publicación coas ilustracións do ourensán Marcos Viso, que marchou da arquitectura técnica hai uns anos para apostar polos debuxos. Onte chegaba o proxecto ás librarías. 

Como se pasou á ilustración?

Por ganas de saír adiante, chegou a crise e houbo que buscar outra opción radical. Apareceu a Escola de Arte Antonio Faílde e comecei a compartir cousas nas redes sociais. O primeiro libro, "Todos os soños", para Xavier Estévez, saíu en 2015. A partir de aí, ilustrar e ilustrar. 

“Paseniño, paseniño". Como xurdiu?

Teijeiro quería darlle unha nova vida aos libros que quedaron descatalogados ou nun limbo e propúxome ilustralo. Antes fixérao Xosé Cobas, que para min é un referente, así que foi un pouco de presión. Decidimos facer un libro novo no que procuro crear esa segunda ou terceira lectura coas ilustracións.

Como traballa a partir do texto?

Transcorre moito tempo durante un encargo e outro. Nese tempo vou practicando e buscando formas de comunicar e aproveito para proxectos persoais.

Pesan máis os encargos?

Todo o que teño publicado é encargo, excepto "Vaite xa", con Xerais.

Que conta?

O momento que eu vivía daquela. Unha familia de osos na que o oso tiña que buscar un traballo que lles garantizara un porvir porque o que tiña non lles valía. 

A ilustración está relegada a complemento do texto?

Depende. Cando ilustras un libro para unha colección,  guías ao neno a seguir un fío narrativo. Pero un álbum ilustrado é un concepto distinto no que texto e ilustración establecen un xogo.

Emprega máis a técnica dixital?

Ultimamente si, porque é o que demandan tamén. Aínda que hai moitos prexuizos: se é dixital parece que da vergoña facer unha exposición, si e analóxico non. Ten ese apelido de non tan certo ou tan real como unha pintura ao óleo, é un mundo con moitas etiquetas.

Hai oportunidades para os ilustradores en Galicia?

(Ríe). A ilustración é un mundo fastidiado, vivir disto é unha utopía que temos moitos. Considérome afortunado de que saian dous ou tres libros ao ano. É duro porque o que pagan por ilustrar un libro de dous meses de traballo, moitas veces non chega aos mil euros.

En Ourense hai movemento?

Si, pero seméllame un tanto oculto.

Dende dentro?

Non o sei. En xeral, en Galicia, o máis doado é moverse en circulos de amizades.

Pero chamou a algunha porta?

Non hai apenas editoriais. Está Linteo na cidade, en Allariz, Aira, coa que participei nun libro colectivo. Refírome a quedar e promover actividades entre o gremio. 

Un proxecto persoal pendente.

"Recuerdo de las flores", que ogallá algún día saia. Posiblemente o autoedite, xa pasou por tódalas mesas dos editores do país e non ten cabida no mercado.

Por que?

É de lectura moi madura, no sentido de que necesita certa forma de ler a imaxe. É un libro de minorías, moi lírico. 

Te puede interesar