A mocidade do PP apelou ao valor da “Ourensanía"

<p></p>
photo_camera Ángela Pérez, Honorato Losada, Manuel Baltar e Ana Losada.

Manuel Baltar visitou a exposición do colexio Padre Feijoo-Zorelle

"Non só estamos a celebrar o día das nosas letras, senon que tamén estamos a proclamar a nosa ourensanía e o noso galeguismo”; así falou José Antonio Parente, presidente de Novas Xeracións do Partido Popular de Ourense, no acto que onte tivo lugar nos xardíns do Padre Feijoo, como homenaxe aos escritores e autores ourensáns.

Os xóvenes populares estiveron acompañados no acto polo presidente provincial do partido, Manuel Baltar; o alcalde e presidente do PP de Ourense cidade, Jesús Vázquez, e polo presidente das NN.XX. de Galicia, Diego Gago. Ademais da lectura de catro poemas do autor lucense: A fala; O carro; O arco da vella; e Morrendo a cada intre, presentouse aos asistentes un manifesto “nestes xardíns do Padre Feijoo, un dos moitos ilustres ourensáns, que, de seguro, sería meritorio do premio á Ourensanía”.

O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, recolleu un pouco máis tarde as verbas de José Antonio Parente para afirmar que “de seguro o 17 de maio de 2017 estaremos en Xinzo de Limia celebrando as letras galegas para Carlos Casares, coincidindo co 50 aniversario do seu libro Vento ferido”.

O presidente da Deputación tamén visitou a exposición que, co gallo do día, organiza o Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, dentro das actividades programadas para conmemorar o día grande do idioma galego e a celebración dos 50 anos de existencia do centro educativo da cidade.

Manuel Baltar estivo acompañado polo director do colexio, Honorato Losada Zorelle, e polas coordinadoras da exposición, Ángela Pérez Navarro e Ana Losada Pérez, e afirmou que “este labor é unha homenaxe ao noso idioma, para que os máis novos sigan manténdoo vivo, e para que todos continuemos a promover aos autores da nosa literatura".

Te puede interesar