En setembro do ano pasado, 'El Quid' presentábase coma un proxecto audiovisual en busca de financiación. Hoxe, os sete capítulos desta serie web son unha realidade que agarda impaciente a desvelar os seus segredos.

Na procura do 'quid' virtual

Tiñan por volta de 50 días de prazo para reunir preto de 4.000 euros. E non só foron quen de sumar esa cantidade, senón que chegaron a sobrepasala. Bruno Nieto e Raúl García, ámbolos dous das Terras de Celanova, acendían os motores dunha idea chamada 'El Quid', onde todo comeza cun asesinato, como as lendarias crónicas negras ás que esta serie pretende render homenaxe. Ambientada nun profundo branco e negro dos anos 50, a trama levanta sospeitas entre tódolos protagonistas, interpretados por coñecidos nome do audiovisual galego.
Antonio Mourelos, Sabela Arán, Monti Castiñeiras ou Camila Bossa son só algúns dos actores que durante unha semana do mes de novembro percorreron as rúas de Ourense e Celanova volvendo a vista cara atrás. 'Foi unha rodaxe moi intensa', conta Bruno Nieto, na que incluso chegaron a faltar as horas de sono, 'pero o resultado é moi bo' e, por iso, os responsables de 'El Quid' están máis que satisfeitos.

O 80% da serie está rodada na vila dos poetas e conta con poucas imaxes de exterior, unha situación motivada polo contexto histórico no que transcorre a investigación do crime, na que as rúas carecían de moito do mobiliario urbano que hoxe locen. Por esta ubicación, será en Celanova onde o primeiro capítulo do proxecto se emita. A data aínda non está pechada, pero Bruno Nieto garantiza que será no mes de xuño. A presentación oficial farase tamén en Ourense e Santiago de Compostela nunhas datas aínda tamén por confirmar.


A MODERNIDADE

En 'El Quid' conxúganse dous tempos ben distintos. Por unha banda, o protagonismo dos anos 50 é case tan forte coma o do propio asasino que lle dá inicio á trama. Pero esta mirada cara o pasado non sae en ningún momento da propia pantalla porque, tanto a emisión como a producción, están pensadas para o 2013.

Internet será o vehículo fundamental dos sete capítulos xa gravados e montados. 'Emitiremos cada 15 días para que non se faga moi curta' a través de Youtube e Vimeo. En principio está idea manterase, se ben non rexeitan probar sorte noutros soportes.

As formas de financiación tamén responden á modernidade. Este novo cooperativismo a través da rede denominado 'crowdfunding' foi o sistema elixido. O tempo era limitado e, se non se cumprían as metas, o proxecto tería que buscar un salvavidas alternativo. Pero non o precisou porque medio cento de persoas foron aportando diferentes cantidades económicas e varias empresas de Celanova tamén colaboraron para sumar un orzamento total de 8.500 euros.

Te puede interesar