OURENSE

Susana García: “Non nos aferramos aos postos, chegamos á política para servir e executar proxectos”

Ourense. 14-01-15. Local. Entrevista a Susana García do BNG.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Susana García.

A concelleira Susana García mostrase moi crítica co goberno socialista, tamén pensa que PP e DO non están á altura do que merece a cidade.

A concelleira Susana García, que ve un bagaxe satisfactorio do BNG neste mandato, pese ás convulsións iniciadas ca Operación Pokemon, cre que a súa formación é imprescindible na Corporación que saia das eleccións de maio. Moi crítica co goberno socialista, tamén pensa que PP e DO non están á altura do que merece a cidade.

Qué reflexión fai, dende a distancia, da situación municipal trala saída de Aurea Soto e a nova configuración do goberno local?

A ver, moitas das cousas veñen xeradas polos anteriores gobernos do PP, que deixaron a cidade nunha situación urbanística caótica, que nos traerá moitísimos custos. Claro que Aurea Soto tomou decisións que non eran acertadas, aínda coa intención de solucionar problemas. O caso é que agora queda un planeamento urbanístico empantanado porque tiñan que estar resoltas as alegacións e unha segunda exposición pública que pedimos nós, e que non se vai producir de momento.

Entendo que o plan é asunto que lle preocupa especialmente.

Sí, porque difícilmente quedará resolto neste mandato. Outra vez unha situación moi complicada, e cunha ordenación provisional collida con pinzas e nos tribunais. Pero tamén nos preocupa a paralización da Concellería de Urbanismo, non se tramitan licenzas sinxelas, que é o que demanda o cidadán. E tememos pola xestión de persoal no caso das asistencias externas, que tamén lle traerá custos ó Concello.

Nese contexto, cómo se plantexa a labor da portavocía ata maio?

Imos seguir na mesma liña. Somos moi críticos co goberno pola súa falta de xestión e non debemos deixar de cuestionar esto. Non hai política orzamentaria e os barrios van quedar con problemas importantes. Gustaríanos que houbese acertos, os recoñoceriamos; agora recolleremos as nosas iniciativas, sin executar, para tentar levalas á práctica.

Xa, pero vía mocións non teñen moito que facer, por qué a súa aprobación non é vinculante. pódese modificar eso no novo reglamento?

A verdade é que por lei non son vinculantes, pero tamén deben ser un compromiso moral do goberno se é realmente democrático. Por exemplo, o transporte gratuito para parados; si, aprobárono, pero canto tardaron en aplicalo? Ou o plan de emprego, foi unha negociación modélica, e está parado dende abril na Xunta; pero tampoco dende o goberno de Ourense se fan xestións para axilizalo e reclamalo.

Cales serán as liñas maestras da súa formación despois de maio?

A Praza de Abastos ten que ter unha solución porque leva moitos anos esperando. Se queda pechado o procedemento de expropiación nas Burgas, comezaría o novo mandato cun terreo xa dispoñible para planificar e iniciar accións de cara ó desenvolvomento termal, que ten que ser o motor da cidade. É o que nos diferencia doutras urbes e hai que sacarlle partido canto antes.

Qué perspectivas electorais se marcan nas municipais?

Presentámonos como a única forza nacionalista de esquerdas, e como tal somos imprescindibles. Ourense ten que ter representantes que defendan os valores propios de Galiza e Ourense. Temos que reivindicar o noso, a defensa da lingua, a suba das pensións, por exemplo, e eso require más soberanía. se podemos tomar decisións sobre o noso, eso vai revertir en nós. É o caso das eléctricas, coa riqueza que temos, e estamos á mercede delas, ata no termalismo.

Cómo ve a previsible fragmentación da futura corporación?

Está todo tan aberto que aínda non sabemos cantos se van presentar. nós imos facer o noso programa e logo xa se verá que liña seguen as outras forzas.

Están satisfeitos da xestión e do papel do BNG neste mandato, pese as convulsións?

Partindo de que foi un mandato atípico e pouco desexable porque a estabilidade viuse moi comprometida, a cidadanía saberá valorar que o BNG soubo tomar decisións, que nós non nos aferramos aos postos, que chegamos á política para servir e desenvolver proxectos. E cando pensamos que non somos útiles ou podemos facelo mellor dende outro lugar, tomamos decisións. Por eso, saímos do goberno cando pensamos que era insostible a coalición, porque estabamos moi descontentos de como funcionaba o pacto de goberno. O noso paso á oposición foi moi difícil, houbo que fixar posicións, facer moitas cousas que dende o goberno non podiamos, por lealdade. Pero a verdade é que estamos satisfeitos de ambos momentos.

Qué opinión ten dos seus compañeiros de oposición, pp e Do?

Incrible que o PP propoña unhas cousas na Deputación e outras no Concello, para empezar. Nin eles están dacordo con recortes que se están adoptando porque perciben moi ben as repercusións ós cidadáns; pero non fan nada. É unha oposición que xenera moita crispación, a veces denunciable. Tampouco hai nada que indique que un goberno do PP puidese aportar algo a partires de maio. DO é unha pura denuncia, parecía que con iso xa tiña feito o seu traballo. Pero qué propoñen para Ourense? Agora falan de ERES, de suprimir o público, neoliberalismo puro e duro. eso é o que fará se toca poder.

Vostedes son moi estrictos co destino dos seus imputados. Pero é xusto que teñan que dimitir de inmediato?

Estamos nunha situación na que se detectaron casos gravísimos de corrupción, é moi difícil separalos doutros tipos de imputacións. O termo imputado parece que implica culpabilidade e os propios imputados padecen unha situación desagradable na súa exposición pública. Pero deixar os postos non é un drama para nós. non temos intereses creados. A sociedade debe ver que non todos somos iguais. Pero é xusto? Moitas veces non, e o exemplo máis claro é o caso do compañeiro Somoza. O das asistencias externas, polo que foi imputado, é un exemplo do pacto de goberno que non funcionou e que nos trae estes custos. Pero tamén fago un chamamento á Xustiza que, só despois de imputar, pediu información sobre a responsabilidade dos imputados no caso. 

Te puede interesar