A asociación ProCentenario Nós busca apoios para a candidatura

Ourense aspira a Capital Europea da Cultura 2020

Camilo Fernández, Isabel Pérez e Francisco Rodríguez. (Foto: JOSÉ PAZ)
Ourense soña con convertirse en Capitalidade Europea da Cultura no ano 2020 presentando a súa candidatura precisamente para o ano no que se conmemorará o centenario da creación da Revista Nós, a enciclopedia científica por excelencia dos grandes escritores da Galicia do século XX.
Un proxecto que pode abrir bocas, tanto pola súa dimensión como polas dificultades que pode acarrear a nivel económico ou de equipamentos. Pero, por riba de todo iso, atópase a ilusión e a paixón coa que traballan dende hai un par de anos os membros da Asociación proCentenario Nós 2020, entre outros e que pretenden sumar neste mes de maio os avales necesarios entre a cidadanía para constituír unha comisión Ourensá Pro Candidatura Nós á Capitalidade Europea e que contará en todo caso cos apoios do Concello de Ourense e da Deputación.

Así, na xornada de onte o Liceo de Ourense acolleu o acto de presentación e concreción da proposta ó que asistiron o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez; a concelleira de Cultura, Isabel Pérez; o presidente da Asociación ProCentenario Nós, Camilo Fernández Valdehorras e o deputado provincial de Cultura, Antonio Mouriño, ademáis de diferentes representantes do eido cultural e educativo en Ourense.

Para Camilo Fernández existen razóns de peso para apostar pola posta en marcha definitiva desta candidatura posto que Ourense reúne 'a máis de 175 escritores de renome internacional', e conta cun importante patrimonio histórico- literario que é preciso 'visibilizar e revalorizar' a través da unidade. Na mesma liña quixo recalar Isabel Pérez ao mostrar o seu 'convencemento de que Ourense ten garantías de éxito' á par que deixou patente as dificultades que isto representa. Tamén Francisco Rodríguez asegurou que se trata dun 'proxecto de calibre' para o que é preciso 'encher de contido as importantes infraestructuras e os equipamentos culturais dos que dispomos, así como crear outros para promover unha verdadeira industria cultural na nosa cidade'. Por último, Camilo Fernández abriu unha reflexión: 'Se eles puideron con menos recursos (en referencia ao éxito dos escritores do século XX), nós tamén'.

Te puede interesar