CULTURA

Un percorrido polo “eu" 
máis profundo de Neira Vilas

<p></p>
photo_camera De esquerda a dereita, Manoele de Felisa, Juan Andrés Fernández, Belén Iglesias, Valentín García, Afonso Vázquez-Monxardín e Xavier Casares.

O Liceo acolleu a presentación do seu libro póstumo "Olladas no camiño", sobre artigos xornalísticos 

Hai apenas catro meses que o mundo das letras galegas choraba a morte de Neira Vilas, autor do maior best-seller en galego, "Memorias dun neno labrego". Tempo despois, Ourense, terra pola que tiña un especial aprecio, quixo agradecerllo e onte o seu legado e mais o seu espírito incansable e loitador a prol da cultura galega amosouse nunha emotiva homenaxe que tivo lugar no Liceo.

Durante a cerimonia presentouse o seu libro "Olladas no camiño", unha recompilación dun total de 100 artigos xornalísticos que o propio Neira Vilas deixou listos para editar e que pola súa repentina morte non puido facer realidade. Foi a editorial Fervenza a encargada de cumprir o seu soño e agora está a venda nas librerías galegas. "O noso amigo Pepe, como eu o coñecín, deixou moita obra inédita e quixemos presentar este libro nun dos sitios onde máis lle gustaba estar que era na cidade de Ourense, concretamento no Liceo onde estivo en moitas ocasións", explicou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

Durante o acto, tamén estiveron presentes diversas personalidades da política e cultura galega como o escritor Afonso Vázquez-Monxardín; Juan Andrés Fernández, membro da Fundación Xosé Neira Vilas, e Belén Iglesias, concelleira de Educación. Tamén contou coa participación do cantautor e poeta nado en Cuntis Manoele de Felisa e Xavier Casares, presidente do Liceo.

"Olladas no camiño" é unha viaxe polo "eu" máis profundo do patriarca das letras galegas. Nel, fai un exercicio de reflexión no que amosa a súa forma persoal de ver e entender o mundo que lle tocou vivir; persoas, feitos, pensamentos e circunstancias que forman parte da nosa historia contemporánea."El concebía a vida e a nosa evolución interna como un camiño interior que tiñamos que ir percorrendo", explicou Valentín García.

Á homenaxe de onte, súmaselle a do pasado xoves en Santiago no Museo da Calidad da Cultura no que se reivindicou o seu vínculo con Galicia.

Te puede interesar