POLÍTICA - PSOE

Gonzalo Caballero: "A prioridade é un partido forte, crible e renovado"

Gonzalo Caballero é un dos tres candidatos que se presentará ás primarias para dirixir o PSdeG-PSOE, que se celebrarán o vindeiro día seis de outubro. Onte estivo por primeira vez na sede provincial da cidade, onde dialogou cos militantes e respondeu ás súas preguntas. Hoxe, será o turno de Leiceaga, no mesmo lugar ás 20,30 horas

Gonzalo Caballero, onte en Ourense, antes da súa intervención ante os militantes.(BELAY)
Gonzalo Caballero, onte en Ourense, antes da súa intervención ante os militantes.(BELAY)
Gonzalo Caballero: "A prioridade é un partido forte, crible e renovado"

Son importantes as primarias?

Coa elección de Pedro Sánchez, o PSOE abriu un novo tempo político, que nos sitúa nun escenario de recuperación electoral. Estas primarias son unha oportunidade para recoller o vento a favor que sopra no partido, pero en clave galega. O socialismo galego precisa unha nova etapa, con novos referentes e novas liñas de acción. Hai que retirar ao PP do control electoral en Galicia. Hai que elixir entre o inmobilismo e a debilidade que vimos arrastrando, e unha opción de renovación, de impulso das bases e de rexeneración do proxecto.

Pero dá a sensación de que os tres candidatos proceden do "sanchismo". Hai diferenzas?.

É público e notorio que eu traballei intensamente a prol da candidatura de Sánchez. Pero estas primarias son distintas. Hai que buscar unha dirección en sintonía coa dirección xeral, pero en clave galeguista. Hai unha posibilidade que é optar por un liderado débil e tutelado polas baronías, nunha operación deseñada desde a sombra que intenta facer crer que algo vai cambiar. A nosa opta por un cambio real impulsado polos militantes.

Supoño que fala de Villoslada e o apoio da xestora...

Cada un que poña os nomes que queira. Todos somos conscientes de que os aparatos son máis reacios ao cambio. E os militantes de base son máis dinámicos e son os que permiten mudar e seguir cara adiante. As bases rebeláronse e axudaron a Pedro a gañar, e estou convencido de que en Galicia se rebelarán contra operacións artelladas polo aparato do partido, que suporían un control orgánico que nos separaría máis da cidadanía.

Que se pode facer para mellorar?

Soamente co debate parlamentario non somos capaces de arrinconar a Feijóo, polo que temos que fortalecer o partido recuperando a presenza en distintos sectores. Hai un electorado de esquerdas que está esperando a que o PSdeG se renove de forma profunda. Se o facemos, estaremos xerando unha ilusión e un movemento que nos permitirá recuperar o espazo perdido. Os nosos votantes queren un PSdeG que conecte coas súas inquedanzas e que confronte de forma contundente coas políticas da dereita.

Iso pasaría polo entendemento con outras forzas. Está aberto a iso?

Os socialistas somos a esquerda do país e estamos en frente das políticas conservadoras do Partido Popular. Temos que reconstruír o partido, porque soamente se o PSdeG encabeza unha alternativa contundente contra a dereita pode haber unha maioría de progreso no Parlamento de Galicia. Despois haberá tempo de entendernos con outras forzas, pero a prioridade está en ter un partido máis forte, crible e renovado.

Estaría disposto a acoller a Leiceaga se non xuntase os avais?

Os esforzos que se fagan para fortalecer a organización haberá que plantexalos. Hai que estar aberto a todo tipo de diálogo, pero sempre con renovación. Leiceaga é un bo portavoz parlamentario, pero o PSdeG necesita un impulso. Sempre estiven no partido loitando contra as políticas conservadoras, tanto en tempo de Fraga como de Feijóo.

Quere dicir que os outros candidatos non sempre estiveron?

Son un home do PSOE, teño loitado contra as políticas da dereita toda a miña vida e amoso a miña traxectoria con orgullo. Cada un ten a súa...

En Ourense ha unha forte división. Será máis difícil ter apoios?

Este proceso protagonízano militantes e non direccións, polo que o meu deber é escoitar o sentir das bases. A opción de cambio real no PSdeG pasa por esta candidatura, por iso lles pido que me avalen, pese a que a xestora galega non aplicou un modelo de primarias máis moderno que permita participar con menor número de avais. Hai ilusión na militancia ourensá. Teño moi boas impresións na provincia, porque a militancia ten criterio propio, e os socialistas prefieren optar polos compañeiros que levan tempo na organización e non se deixan levar por operacións desde arriba, que aparecen da noite á mañá e que non teñen credibilidade.

Algunhas fontes falan dunha suposta "traizón" de Sánchez coa candidatura de Villoslada. Que hai de certo?

A miña sintonía co secretario xeral é plena. É evidente que non ten influencia sobre nada deste proceso. Se algúns tentan trasladar esta imaxe, están facendo un fraco favor ao que os militantes reclaman. A posición de Sánchez é a de respecto absoluto aos candidatos. Quen intente plantexar outra opción, está enganando. Hai baróns que intentan xogar á confusión para poder manter as cotas de poder. Pero non podemos seguir a ser un reino de taifas.