Ademáis, comporá un tema a partires de catro notas que os seus seguidores lle propoñan e fará outros para que músicos alén das nosas fronteiras os interpreten
Aínda que Isidro Vidal di que non é un home de retos, o seu actual proxecto ten moito deso. Ten entre mans compoñer unha peza diaria de música para gaita e subila a redes sociais. Sen descanso, sábado, domingos e festivos incluídos. Por se fora pouco, comporá un tema a partires de catro notas que os seus seguidores lle propoñan. E aínda vai máis alá. Fai temas para que músicos alén das nosas fronteiras os interpreten. Se é que este mozo non ten paraxe!
Comecemos polo principio, como xurdiu esta idea?
Antes de nada, decir que todo vai orientado pola miña inquedanza de facer unha actividade artística. A partires de aí, eu teño que decir que non dispoño de medios para facer concertos como eu quero con gaita, así que nun primeiro momento plantexeime facer vídeos de Youtube e subilos a miña canle, pero eso é dificil vivindo nun piso con veciños, xa que precisas dun lugar onde gravar sen "molestar" aos veciños, buscar un espazo axeitado. Para iso non hai moitos locales e os estudios de gravación supoñen un desenbolso moi grande. Entón, o 1 de xaneiro, porque foi exactamente ese día, levanteime e veume a idea de, por que non compoñer unha peza diaria? Con elo seguiría dándome a coñecer e ademais crearía repertorio novo, para min e os meus alumnos, e seguiría avanzando no mundo da música.
Eso quere decir que vostede non para, que cada día imos poder ver unha composición súa...
Efectivamente. Este reto tamén supón para min unha especie de "obriga" de compoñer cada día, xa que se non o fago, a xente vai decir, "ei!, falta a de hoxe!". De feito, xa me ten pasado algunha vez que tardo algo máis do acostumado en subila, ou se me esquece compartir en algunha das miñas redes e alguén mo recorda.
Compoñer cada día e darse a coñecer é, a priori, a finalidade do proxecto, pero, con vistas a gravación dun disco?
Plantexeime varias cousas. Por fortuna, teño a varios amigos músicos cos que facemos unha especie de "consello de gaiteiros privado" e, comentando con eles, hai posibilidade de gravar algún un disco con esto; tamén pode que se edite en formato físico, aínda que eu son algo reacio a elo. Así e todo, é posible que se faga unha selección de temas, tipo votación popular, e se publique.
Por se fora pouco, hai un "subreto" neste reto...
Certo. As "Catro notas obrigadas", que consiste en que cada persoa me dé catro notas e eu compoño unha canción a partires deso e lla adico. Con eso consego que o público se implique e forme parte deste reto. E esa cercanía co público é o que fai que saias un pouco do común.
Canto tempo lle adica?
Como bo galego, direi, depende. Confeso que axusto a composición ao tempo do que dispoño. Así, sei que se se trata dun tema contemporáneo, me vai levar máis tempo que un tradicional e entón o deixo para unha xornada na que esté máis libre.
Como está a ser a acollida?
A día de hoxe levo sobre 25.000 descargas, eso está moi ben. Para nada o esperaba.
Da a coñecer este proxecto a través de redes sociais, que opina deses medios?
Penso que hoxe en día é o medio. Hai moitos músicos que son reacios a elo e están a perder moitas oportunidades por non facelo.
Tamén compón para gaiteiros de fóra das nosas fronteiras.
Na actualidade para Brighde Chaimbeul, que tocou con Carlos Núñez, que toca a "small pipe"; para Rémi Decker de Bélxica que toca "cornamuse du centre de Francia" e para Roby Ad Mackay de Escocia que emprega a "highland bagpipipes". Con eles púxenme en contacto e gustoulles o meu traballo e, a partires de aí, iniciouse a colaboración.
A súa é unha aposta pola música tradicional.
Si e non. Eu non considero a gaita como música tradicional, é un instrumento que está ligado a ese estilo de música. Eu tamén fago música contemporánea e estou a estudiar algo de música antigua.
Toca diferentes estilos: tradicional, folk, incluso pop... en cal se sinte máis cómodo?
Cada un me aporta algo diferente. En Habitación Vudú toco a guitarra. Pero tamén toco percusión, zanfona, flauta e piano, ademais de, obviamente, a gaita.
Cal é a súa visión do panorama actual da nosa música.
Eu penso que falta que avance o plan de estudios a nivel de conservatorio. Tamén considero que é necesario que se legalice o sistema de impartir clases. No momento en que todo o mundo o tome en serio, a música tradicional pode funcionar moitísimo mellor. Temos moi bos músicos e as novas xeracións estánse a formar moi ben. Así que non cabe dúbida de que progresará.