ARTE ET ALIA

Salvador Dalí, ilustrador de historias, en Afundación

<p></p>
photo_camera Ilustración do capítulo do helmo de Mambrino.

O pasado 11 de maio foi a conmemoración do nacemento de Salvador Felipe Jacinto Dalí i Domènech, día de 1904 no que naceu en Figueres (Girona). Boa ocasión para visitar a exposición do gran artista aberta na sala de Afundación en Ourense. Son gravados e estampas, setenta e dous, de varios libros que se poden ver e desfrutar... As obras chegan logo de ser vistas por Galicia, caso de Vigo en 2015, e o pasado ano Santiago. Con entrada de balde, e magnificamente presentadas nos dous andares do espazo expositivo que a entidade crediticia ten na Praza Maior. Mais paga a pena tamén unha visita ao museo privado de onde proceden, en Santa Uxía de Ribeira, no extremo do Barbanza, Arousa-norte, marabillosa paraxe do noso país. Aquí, en Artes, están as "Artes do Gravado á Estampa Dixital", no lugar dito do Outeiro en Corrubedo. Dentro pódense ver obras de Rubens e Goya, Picasso e tamén de Alberti, ou Leopoldo Nóvoa e o noiés Alfonso Costa, entre os galegos.

Ao Dalí pintor surrealista autor de coñecidas obras como "La persistencia de la memoria" ou "Un segundo antes de despertar", engádese así a súa actividade de gravador e ilustrador que podemos apreciar nestes tres libros. Neles vense as súas amplas paisaxes, os elefantes con patas de araña, que simbolizaba a defensa da súa dona Gala, os caixóns e as formigas, pois un é o estilo do artista. Entre as obras, a máis recente é de 1974: doce fábulas escollidas de Jean de La Fontaine, autor francés da época de Louis XIV ‘o rei sol’, cos animais como protagonistas. Trátase dun ‘bestiario dalinisado’ na que reflicte coñecer as ilustracións decimonónicas de Grandville. Do ano anterior son "Les songes drôlatiques de Pantagruel", uns sonos cómicos do fillo de Gargantua, o xigante, litografías baseadas nas ilustracións que François Desprez fixera dende as obras de Pantagruel de François Rabelais. A crítica do Papa Iulio II ou a curuxa como sátira da cidade de Roma son explícitas, mais dando un exemplo moralizante dende a súa fértil imaxinación. Gravados algo máis vellos son os de "El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha", dos anos 1957/1958. Son trinta debuxos en branco e negro realizados con proceso fotomecánico, e dez láminas estampadas en offset, cos orixinais en acuarela, publicación da Editorial Emecé de Buenos Aires. A do helmo de Mambrino expresa a imaxinativa idea de Miguel de Cervantes Saavedra no Quixote, co famoso complemento iconográfico que dende o capítulo XXI cubrirá a cabeza deste personaxe que se volveu tolo de ler sen apenas durmir e comer. Na exposición "Salvador Dalí, contador de historias'"quedan claras dúas cousas: a da importancia que lle daba á cultura francesa, e o interese pola lectura, paixón máis ben, como deixa ver outras obras da literatura universal que ilustrou, caso de "Alicia en el país de las maravillas", "Las mil y una noches", "El arte de amar", "La divina comedia", "La vida es sueño" ou "Caprichos de Goya". Arte gráfica e literaria a un tempo.

Te puede interesar