A Secretaría de Política Lingúística e a Deputación queren unir esforzos na promoción do galego

Anxo Lorenzo e José Luis Baltar, na Deputación.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Ourense queren unir esforzos a prol do galego. Nunha reunión, os máximos responsables de ambas entidades, Anxo Lorenzo e José Luis Baltar, amosaron interese en colaborar no fomento da lingua.
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou onte a Deputación provincial, onde foi recibido polo presidente, José Luis Baltar. Nesta xuntanza, ámbolos dous expresaron o seu interese en desenvolver proximamente actividades conxuntas dende as súas responsabilidades, que incidan na promoción do uso da lingua galega. Ademais, Lorenzo explicou a Baltar o proxecto de creación da rede de dinamización lingüística local que está a desenvolver o seu departamento.

Esta rede pretende consolidar a colaboración e a acción conxunta e coordinada da secretaría xeral e das entidades locais integradas na mesma, de forma que permita o intercambio de experiencias e a suma de esforzos na promoción do uso do galego. Política Lingüística considera que o impulso do labor coordinado e planificado en rede coas distintas entidades promotoras da revitalización da lingua fará posible unha optimización do investimento e dos recursos, así como un efecto multiplicador da capacidade de servizo social. Ata o de agora, a Xunta nunca puxera en marcha iniciativas integradoras das actuacións sociais que en materia lingüística levan a cabo as diferentes entidades.

Primeira visita

A de onte foi a primeira visita institucional de Anxo Lorenzo ó Pazo provincial dende o seu nomeamento como secretario xeral de Política Lingüística. Non obstante, serviu para sentar as bases da colaboración entre a Deputación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística a prol do galego. As actividades que realizarán conxuntamente nese sentido aínda no foron concretadas con exactitude.

Aumentar a efectividade das actuacións

Política Lingüística quere pór en marcha a rede de dinamización lingüística local para procurar un aumento na efectividade das actuacións dinamizadoras que se realizan desde o ámbito local.

Por iso, a colaboración das entidades locais é fundamental para que este proxecto poda chegar a prosperar e se consolide a colaboración e actuación conxunta entre administracións.



Te puede interesar