Os apoios que se prestaron Máis Galiza e Encontro Irmandiño en Ourense non chegaron para rebater á Alternativa

A UPG impón a súa tese política en toda a provincia, salvo no Ribeiro

Ana Garza (esquerda) e Isabel Pérez (dereita), á saída do encontro. (Foto: Xesús Fariñas)
Alternatia pola Unidade, ou o que ñe o mesmo, a UPG logrou manterse como forza hexemónica nas asambleas comarcais, que esta fin de semana debatiron as teses políticas da BNG, aínda que o apoio maioritario, salvo no Ribeiro, manteña intacta a ameaza de membros de Máis Galiza e Encontro Irmandiño de abandoar a formación se do vindeiro consello nacional non sae un partido máis democrático e aberto.
En Ourense, as enmendas á totalidade presentadas tanto por Máis Galiza como polo Encontro Irmandiño non chegaron ó 40% de votos favorables; aínda que tanto Encontro Irmandiño como Máis Galiza presentaron enmendas propias á totalidade do documento político elaborado pola UPG, os membros de ámbolos dous votáronse a favor de xeito recíproco. Con todo, a asistencia da militancia dos actuais sectores máis críticos do BNG no foi suficiente para impoñer as enmendas presentadas. De feito, algúns dos que si acudiron, non chegaron ó final da asamblea e, polo tanto, á votación. Foi o caso, por exemplo, do exconcelleiro ourensán Manuel Herminio Iglesias. Tampouco o líder do PNG, Xosé Mosquera, chegou ó final do encontro.

A asamblea comarcal da capital celebrouse a porta pechada durante máis de cinco horas nunha das aulas da Facultade de Educación do Campus Universitario. A maioría dos asistentes eran pertencentes á UPG, sector nacionalista que mobilizou á súa militancia para garantir o progreso do documento base que esperan que triunfe no consello nacional, que terá lugar os días 28 e 29 deste mes en Compostela.

De portas para fóra, non se escoitaba ningún comentario máis alto có anterior, só aplausos ó final de cada exposición. O que si trascenderon foron momentos puntuais de tensión, que terían chegado dende as filas de Máis Galiza, os máis duros nas súas reflexións, segundo os asistentes.

O documento presentado por Alternativa pola Unidade quedou refrendado tamén nas asambleas comarcais de Celanova, O Barco e A Limia-Allariz. Na primeira, o texto non chegou a someterse a votación, posto que ninguén presentou enmendas, algo que si que aconteceu no Barco. Aínda así, o documento respaldado pola UPG foi o que contou cun maior número de votos a favor.

Á asamblea de Allariz asistiron tamén os militantes nacionalistas da Limia. A proposta de Alternativa pola Unidade saiu refrendada por maioría, pero inclúe dúas enmendas particulares que serán debatidas no consello nacional do BNG. Por unha banda, aceptouse a posibilidade de establecer unha coordinadora provincial e, por outra, propoñen para a súa discusión unha segunda ronda de votación no caso de que o candidato á Xunta non acade unha porcentaxe superior ó 50% dos votos na primeira volta da súa elección.


O RIBEIRO, A EXCEPCIÓN

Pola contra, na comarca do Ribeiro quedou aprobada unha enmenda á totalidade e, polo tanto, un documento alternativo ó de base, titulado 'Reconstituíntes. Enerxía para o BNG', que só recibiu dous votos en contra. Nel suscriben unha crítica a Alternativa pola Unidade, entendendo que non representa as opinións da maioría de militantes nacionalistas. Entre os asinantes está o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez.

Te puede interesar