Presentador de televisión

XOSÉ MANUEL PIÑEIRO: ‘Sempre que volvo á televisión hai un público variopinto que está agardando'

Xosé Manuel Piñeiro, nunha das súas aparicións en Tv
Con seis anos xa sabía que quería dedicarse ao mundo do espectáculo, pero parecía difícil cumprir o soño daquel cativo de Allariz. Tras estudar Pedagoxía grazas a becas e ao esforzo da familia, a vida levouno por outros derroteiros que o convertiron nun dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia. Moitos aínda lle chaman aquelo de 'Superpiñeiro', pero Xosé Manuel Piñeiro ten amosado moitos rexistros dentro da pequena pantalla. A súa marca é unha garantía de audiencia sempre que volta á TVG
Nun soporte tan cambiante como a televisión, cal é a clave para manterse tantos anos activo?
Non sei se é mérito propio ou dos que me ven e cada vez que volvo me fan líder de audiencia. De todos xeitos, non estou sempre na televisión. As repeticións dan a impresión de que non saímos dela, pero nos últimos anos o traballo é escaso. A sorte, que sempre que volvo, hai un público variopinto e de todas as idades que está agardando.

Qué é o que máis se valora na televisión?
Creo que a naturalidade. Din eso de que a cámara te quere ou non te quere, no meu caso hai un namoramento mútuo. Eu estou namorado do medio televisivo, neste momento é a miña vida, non creo que puidera facer outra cousa, e dá a impresión de que a cámara tamén me quere. Divírtome moito facendo televisión, e iso transmítese.

É moi esixente consigo mesmo?
Agora son máis esixente comigo mesmo ca con ningúen. Os equipos cos que traballo son fantásticos, e non é un piropo gratuíto. Cada vez que volves ao medio, sométeste a unha reválida. Onde parece que todo é improvisado hai moito tempo de preparación.Creo que ese é o éxito, dar a impresión de que é un xogo cando todo está ben atado.

Despois da súa longa traxectoria, que lle queda por facer?
De todo o feito faría agora unha miscelánea. O que máis me gusta é o show nocturno. A noite é onde disfruto, permite outros rexistros e é cando máis consumo televisivo hai. Creo que aínda teño moito por facer e que o meu gran programa está por chegar. Moitos din que xa foi o 'Super Martes' ou 'Acompáñenos', pero penso que agora teño unha madurez e un coñecemento do medio que antes non tiña.

Que nunca faría en televisión?
Xogar con temas escabrosos, é dicir, nunca presentaría un programa de televisión no que se estivese mentindo deliberadamente aos espectadores, con convidados que fagan espectáculo televisivo, cobrando con cuestións moi serias. Na televisión, como en todo na vida, ten que haber un límite, que está na ética e no bo gusto.

Arrepíntese dalgo nestes anos de carreira?
Non me arrepinto de nada porque todo foi unha aprendizaxe. Non hai que ter falsa modestia, pero si ser modestos. Cada día que estás no medio aprendes algo, e iso inclúe aos erros. En todo caso, non creo que cometese grandes erros, ríome de cousas miñas de hai 15 anos, pero ríome e son crítico. Realmente, sentinme moi agusto con todo o que fixen.

Gústalle a televisión que se fai hoxe en día?
O 'Super Martes', por exemplo, foi unha escola moi importante de televisión. Hoxe en día, en canles a nivel nacional, están facendo cousas que xa facíamos nós, como enseñar as tripas da televisión. Hai grandes programas de televisión, grandes series, grandes programas de entretemento. Despois, hai televisión para todo tipo de gustos. Un sector importante do público o que quere é ese puro entretemento.

Que pensa da chamada “televisión lixo”?
Hai que mirar as cousas con certa distancia e darse conta de que é puro espectáculo guionizadísimo. Quen pense que nesa televisión se está improvisando e se empregan palabras malsonantes porque se lle escaparon a un ou a outro, está equivocado. Eu creo que todo está preparado. Hai un público para ela e un mando a distancia, un pode decidir que pode ver e non ver. Pero estase facendo boa televisión.

Nalgún momento sentiuse marcado por tantos anos de Super Martes?
Para nada. Despois volvín cun formato completamente diferente como era 'Acompáñenos'. Creo que foi o programa no que, se había algunha dúbida, quedou demostrado que eu chegaba a públicos moi diferentes, porque a franxa de idada audiencia mostraba outro público diferente ao maioritario de 'Super Martes' e que se enganchou o que lle ofrecía. Non pasa nada porque a xente me siga chamando Super Piñeiro cariñosamente, pero o Piñeiro ofreceu múltiples posibilidades de diferentes programas de televisión.

Como leva ser un personaxe recoñecido na rúa polo seu traballo?
Ten unha dobre vertente, unha moi gratificante na que a xente che mostra o seu cariñó, que é o máis frecuente. Por outra parte, a todos nos gustaría ser o máis anónimos posible. Sempre que falo publicamente fagoo da miña vida profesional, tampouco me interesa a vida privada dos artistas. Mesmo cando veñen o meu programa están relaxados por non lles pregunto por ela máis aló do que queren contar. A todos nos gustaría, en ocasións, poder darlle a un interruptor, saír a rúa e ser anónimos. Pero iso non pode ser, co cal, hai que conxugar ambas facetas.

Como describiría a situación actual da TVG?
Só direi que Galicia, pola súa cultura e a súa lingua deberá manter unha televisión que dignificou aos galegos como tales. Os nosos pais, os nosos avós, débenlle moitísimo a Televisión de Galicia no sentido de non ter vergonza do idioma co que foron paridos. Dende que existe a Televisión de Galicia, o galego é outra historia.

Que consello lle daría a quen queira dedicarse á televisión?
O que hai que ser é moi bos e, despois, ter un pouquiño de sorte. Consellos ningún, en todo caso pelexalo, esforzarse, traballar e ter moi claro que ninguén che vai regalar nada.

A profesión foi e está sendo xusta con vostede?
O público foi moi xeneroso comigo. O público. E aí me quedo.

Te puede interesar