Os máis pequenos da casa poderán disfrutar este Nadal dun novo espectáculo cheo de novidades protagonizado polos populares irmáns e o can creados polo autor Pepe Carreiro, que visitará Ourense o 3 de xaneiro

Os Bolechas toman o teatro

Un momento do espectáculo do ano pasado dos Bolechas.
Os Bolechas están a traballar arreo na súa xira de Nadal que os levará a dez cidades e vilas galegas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro. Así o anunciou Antonio Couto, de Edicións Bolanda, na presentación onte deste novo espectáculo que leva por título Os Bolechas cantan con Lady Vina. A xira dará comezo o día 22 de decembro en Vilagarcía de Arousa e pasará por Pontevedra (23 de decembro), Vigo (día 26), Burela (27), Santiago (30), Cangas (2 de xaneiro), Ourense (3 de xaneiro), Narón (día 4), Lugo (día 6), A Coruña (día 7) e Vilalba (8 de xaneiro).
Entre esas sorpresas están os propios Bolechas, que este ano serán os monicreques da tele e non os bonecos corpóreos, tal como explicou o director do espectáculo, Santi Prego, que subliñou a calidade do elenco artístico 'moi experimentado posto que é o mesmo que manexa os monicreques para a serie da TVG', pero tamén do elenco técnico, no que figuran nomes como os de Eduardo Alonso ou o dramaturgo José Prieto.

O director explicou tamén que os manipuladores estarán á vista, algo moi novidoso no panorama galego, e que a obra está concibida para toda a familia pero pensando en que poida ser vista e gozada por nenos moi pequenos.

O secretario xeral de Política Língüística, Valentín García, destacou pola súa parte o éxito dos Bolechas ao longo dos últimos anos ata o extremo de 'podermos falar xa dunha xeración Bolechas'. 'E todo en lingua galega, demostrando que se poden facer todo tipo de actividades no noso idioma e ser un éxito en todos os rincóns de Galicia', como demostrou a xira do ano pasado que esgotou as entradas en todos os lugares polos que pasou.

A Xunta, a través de Agadic, colabora nesta xira xunto coa TVG, Novagalicia Banco e a Fundación Novacaixagalicia. A súa directora de Contidos Socioculturais, María Teresa Cores, resaltou o 'total apoio da Fundación', unha entidade 'especialmente preocupada pola educación e a difusión cultural entre os máis pequenos'.

A directora de Marketing do banco, Paz Comesaña, asegurou que sempre se sentiron 'cercanos a esta familia de seis irmáns que integran aos primeiros lectores na realidade da cultura galega'. Asegurou que 'Os Bolechas e Novagalicia teñen moitos puntos en común, como o compromiso coa nosa terra, a cultura e as tradicións. E tamén compartimos unha vocación didáctica e educativa que nos gusta pór en práctica cos máis novos, o futuro da nosa terra'.

Te puede interesar