¡Buone visioni!

Como ter sexo

How to Have Sex de Molly Manning gravouse en Malia (Creta) pero a localización podería ser Magaluf, Benidorm ou calquera outra localidade do Mediterráneo que sexa un destino por adolescentes na procura da festa permanente. Estas vacacións son un rito de iniciación para moitos mozas e mozas do norte Europa, e non só. Son unha especie de despedida ruidosa da adolescencia a través de ríos de alcol, música electrónica rebenta tímpanos, opiáceos, e tamén onde a virxinidade pode resultar unha carga. Nesta súa ópera prima, gañadora do Premio a Mellor Película na sección Un Certain Regard do Festival de Cannes, Molly Manning Walker cóntanos a través da súa propia experiencia persoal e das súas investigacións nos lugares da bacanal adolescente, a historia de tres amigas británicas de 17 anos que pasan xuntas ás últimas vacacións antes de irse á universidade.

A película xoga co hiperrealismo sensorial para introducir o espectador neste caos xuvenil. Pero How to Have Sex está moi lonxe de parecer unha versión cinematográfica da serie Euphoria. Aínda que estamos no ámbito do cine adolescente resulta a antítese da franquixia testosterónica American Pie, así que se tivera que ter referentes neste xénero quizais sexan American Honey de Andrea Arnold (2016) ou Thirteen (2003) de Catherine Hardwicke.

O rostro de Tara, unha das protagonistas, interpretada por Mia McKenna Bruce, é o que nos guía nesta viaxe. As emocións que expresa a rapaza fainos reflexionar sobre o desexo, o pracer e, por enriba de todo, sobre os límites do consentimento. A directora declarou nunha entrevista: “Hai un enorme baleiro nos mozos. Non saben o que é o pracer, o consenso ou as relacións sexuais gratificantes”. O personaxe de Tara é o reflexo cristalino desta confusión.

Probablemente resultará difícil para un adulto encontrar un espazo neste caótico e descontrolado universo no que se move a cámara. Pero a directora suxire que para comprender ese mundo é necesario contalo desde dentro, meténdose de cheo coa cabeza, respirando e vivindo o ‘coming of age’ de forma inmersiva.

How to Have Sex é unha película feita por unha muller. Expresa con sinceridade o que significa ser mozas adolescentes hoxe en día. O que implica a presión da sociedade, a inevitable hipersexualización do corpo e finalmente o pase por estes rituais obrigatorios aos que hai que someterse - aínda sen querer ou non estar suficientemente preparados. How to Have Sex un que filme que reflicte a importante deseducación en materia sexual que teñen as novas xeracións. Neste espazo de liberdade aparente, a xeración narrada no filme non ten ningún instrumento para enfrontarse as súas propias emocións e desexos. E, aínda que os adultos queden fora do campo visual, sabemos que boa parte disto é responsabilidade deles.

How to Have Sex leva dende hai unhas semanas na carteleira do cinema comercial. A próxima semana, o mércores, proxéctase no Cineclube Padre Feijoo de Ourense. Non a perdades.

Te puede interesar