Crónicas de agora e sempre

A limiá que reinou despois de morta

A coroación de Inés de Castro despois de morta foi reproducida en multitude de iconografías (Catedral de Coimbra).
photo_camera A coroación de Inés de Castro despois de morta foi reproducida en multitude de iconografías (Catedral de Coimbra).
Todas as citas apuntan a que naceu na comarca da Limia. Era Inés de Castro, unha das raíñas máis prezadas da Idade Media en Portugal por ter sido protagonista dunha historia de amor e morte, traizón e vinganzas co rei Pedro I “O xusticeiro”

A mirada global que esta semana pousou o mundo sobre Lisboa con motivo da presenza do papa Francisco na “Jornada Mundial da Juventude”, fíxome pensar nalgún personaxe ourensán que estivese á altura da relevancia mediática dos momentos que acaba de vivir Portugal. É certo que a cuestión pídenos un esforzo de memoria, xa que logo, temos que retroceder un pouco máis atrás do habitual e instalármonos no século XIV, cando a limiá Inés de Castro “reinou” no país veciño a pesar de ser tido asasinada.

A historia, a medio camiño entre a realidade ben documentada e a lenda ben argumentada -xa se sabe aquilo de “se non é vero...-, é relativamente coñecida por aquelas persoas que son afeccionadas á historia e aínda máis por aqueloutras que teñen afondado algo nas complexas relacións -coma se foran de parella- mantidas ó longo dos últimos nove séculos entre España e Portugal.

O que xa non é tan sabido -aínda que as crónicas ou os historiadores que abordan a época non deixan lugar a dúbidas e falan dunha galega- é que a protagonista da mesma naceu -ou debeu nacer- nalgún lugar da comarca da Limia, na actual provincia ourensá.

Trátase de Inés de Castro, nacida en 1320 da unión matrimonial formada pola portuguesa Aldonza Soares de Valladares co todo poderoso Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, con grande influencia no entorno da corte madrileña, non en van chegou a ser home de confianza do rei Alfonso XI de Castela e pertigueiro maior da catedral de Compostela.

O falecemento de Aldonza Soares (sobre a que o historiador monfortino, Antón Valcarce, asegura que foi motivo de inspiración para Miguel de Cervantes na creación do personaxe de Dulcinea) cando Inés era aínda unha nena motivou que seu pai a enviara a Peñafiel (Valladolid) para que fose educada no entorno da infanta Constanza Manuel, emparentada coa monarquía castelá e quen, uns anos despois, sería desposada co primoxénito do rei portugués Afonso IV, chamado a ser o futuro rei Pedro I.

Convertida en aia da futura raíña de Portugal, Inés viaxa con ela a Lisboa formando parte do séquito que lle había dar servizo á castelá na rexia vida matrimonial.

Din as crónicas que a beleza da xove Inés non pasaba desapercibida, polo que tampouco foi obviada polo infante, quen de contado sentiu unha irrefrenable atracción por tanta fermosura, recibindo en correspondencia recíproca o mesmo sentimento por parte dela, de tal forma que en pouco tempo fíxose público e notorio o trato que Pedro lle tributaba á adorada dama de corte da súa dona, á marxe da relación marital.

Disque no proceso de intimación de ambos debeu influír, ademais, a súa condición de galega, o que facilitou a comunicación entre os dous gracias ó coñecemento do mesmo idioma que falaba o herdeiro, é dicir, o galego-portugués.

O caso foi que a relación -coñecida incluso pola futura raíña Constanza- minou a paciencia do pai do infante, quen fixo o posible e o imposible por separalos cando xa os amores furtivos entre Pedro e Inés deran como froito tres fillos, malia que a galega fose, primeiro expulsada ó outro lado da fronteira e logo afastada en Coimbra.

A isto sumóuselle pouco despois o matrimonio clandestino que ambos formalizaron en Braga ó se veren libres de Constanza, ademais da boa relación que o herdeiro mantiña cos irmáns de Inés que, por cuestións de intrigas e outros contubernios palacegos ameazaban a independencia futura do reino portugués, polo que o rei -co respaldo da Corte- decretou o asasinato da concubina botando man do adaxio: “morreu o can...”.

Inés residía en Coimbra e alá enviou Afonso a tres cabaleiros que levaron a cabo con éxito a execución, abrindo así a caixa dos tronos de Pedro, que conseguiu os apoios necesarios na Corte para levantarse contra o rei e alzarse co poder. Dous anos despois, o falecemento de Afonso IV transformaríao en Pedro I “O xusticeiro”, de seguido imos saber porqué.

A fonte dos amores, a fonte das lágrimas e os espectaculares túmulos de Alcobaça

Morta Constanza, o infante Pedro mandou traer a Inés para Coimbra, momento no que os documentos que reproducen, entre outras verdades históricas as cartas de amor que Pedro e Inés se cruzaron durante o exilio da galega en Alburquerque (Pedro, aínda con limitantes problemas na fala, gustaba de compoñer poemas e mesmo interpretalos a xeito de trovador), póñense a un lado e deixan espazo para a lenda ou para o romance, que din en Portugal.

Nunha quinta a carón do mosteiro de Santa Clara-a-velha aínda hoxe se pode visitar a fonte dos namorados, lugar no que o infante e a concubina deron renda solta ó seu namoro, así como a fonte das lágrimas, onde mantén a tradición que foi onde os tres cabaleiros axustizaron á pobre Inés e onde o manancial rega de forma permanente unhas pedras de cor vermello que a tradición asemella ás bágoas e ó sangue de Inés.

Acontecido o óbito -que Camões recolle en Os Lusiadas-, Pedro prometeu vinganza e ademais de capturar a dous dos executores do asasinato da amada e axustizalos cruelmente, en 1360, xa rei, manda construír unha tumba para Inés no extraordinario mosteiro de Alcobaça e organiza o traslado un ano despois, momento que aproveita para organizar a súa coroación, ordenando que fose ataviada con vestimentas reais e, unha vez apousentada no trono real, nomeouna raíña consorte, obrigando -baixo pena de morte- ós nobres que apoiaran a seu pai no feminicidio lle rendesen reverencia, postrándose perante o cadáver momificado e bicándolle a man á raíña morta.

Logo mandou construír tamén un mausoleo semellante para el, que había tocar, pé con pé, o da súa amada co fin de que, ó erguérense no xuízo final, a primeira visión que tivesen ámbolos dous fose a imaxe do outro.

Hoxe, os restos dos amantes repousan contrapostos no cruceiro da igrexa monacal de Alcobaça, en sendos túmulos que son óperas primas da arte portuguesa.

Loxicamente, o romance de Pedro e Inés ten sido recollido pola literatura, o teatro e mesmo o cine ó longo do tempo e, no caso español, conta coa referencia primordial dunha película titulada “Inés de Castro”, protagonizada polo actor portugués Antonio Vilar e polas españolas Alicia Palacios e María Dolores Pradera.

Te puede interesar