Crónicas de agora e sempre

“Pote”, “Potico” e “La moderna poesía”

Na actualidade o edificio outrora vangardista de “La moderna poesía” está abandonado e moi próximo á ruína.
photo_camera Na actualidade o edificio outrora vangardista de “La moderna poesía” está abandonado e moi próximo á ruína.
José Antonio López Serrano non naceu en Ourense senón na Habana, pero por el corría sangue ourensán procedente de Maside, malia ter sido recoñecido como fillo cando xa tiña 16 anos e só dúas semanas antes de se ter suicidado seu pai

O peche da icónica librería Lagun -amigo, en vasco- de San Sebastián acordoume que hai un ano trouxen a esta páxina ó magnate habaneiro de Maside, José López “Pote” e sobre o que, por falta de espazo, non afondei nunha faceta elemental da súa biografía: a de libreiro. Aproveito, pois, a ocasión para, a través da figura do seu fillo José Antonio, abordar a historia de “La moderna poesía”, que el converteu na principal librería de Cuba, ata que -como di a canción- chegou o comandante e “mandou a parar...!”

Non me vai ser doado realizar un resumo de contexto do singular ourensán de Maside, José López “Pote”. Direi, a trazo groso, que en 1881 marchou de Maside para a Habana, con 18 anos e case analfabeto, que comezou a gañar a vida vendendo libros de segunda man ata que entrou a traballar nunha librería chamada “La moderna poesía”, que se emparellou coa viúva do dono, que se fixo extremadamente popular ó incluír a súa foto no material escolar, que ampliou negocios converténdose no máximo accionista do Banco Nacional de Cuba, que construíu unha ponte que lle regalou á cidade para levar a cabo un proxecto urbanístico no outro lado da baía habaneira, que tivo fábricas de azucre, cementeiras, o frontón Jai-Alai..., e cando contaba 58 anos, quince días despois de recoñecer como propios os dous fillos que tivera coa dona da librería, posiblemente como consecuencia do crack provocado pola caída dos prezos do azucre, colgouse dunha saba na mansión que lle mercara ó primeiro embaixador de China en Cuba, deixando unha fortuna de máis de 12 millóns de pesos, da que resultou beneficiario principal o seu fillo José Antonio, quen tamén herdaría o diminutivo “Potico”. 

O xornal “Diario de la Marina”  do día 28 de marzo de 1921 reproduce con profusión de detalles o suicidio de José López e, os dos días seguintes, como o seu fillo -con só 16 anos- comeza a facerse cargo de tódalas responsabilidades e sorpresas financeiras que deixara abertas seu pai e, se ben non foi quen de ir estudar a Alemania -como era desexo do proxenitor- licenciouse en Dereito e non só termou con firmeza dos bens que lle foron depositados, senón que os incrementou, nalgúns casos dun xeito superlativo. O primeiro foi a propia librería “La moderna poesía”, que reconstruíu nun edificio vangardista e transformou nunha das editoras máis importantes de América ó asociarse coa librería Cervantes, propiedade dun emigrante zamorano, ó que lle seguiu a mansión na que residía seu pai, na prestixiosa barriada de El Vedado, que mandou derrubar para, en 1932, erguer no seu solar o edificio residencial máis alto, non só da capital, senón de toda a illa, cunha concepción “Art Decó” non menos vangardista cá propia librería.

A iso sumoulle a ampliación de  moitos dos negocios que xa posuía o pai, así como a incorporación doutros coma a “Compañía Ganadera de la Habana” e o seu matadoiro industrial, o hotel Comodoro Yacht Club, con 98 habitacións, 30 cabanas e unha praia artificial, os laboratorios farmacéuticos e para uso veterinario Lex, a torrefactoría de café Tu-Py, diversas canteiras, ademais da entrada no accionariado do Banco de Fomento Comercial e no “Trust Company of Cuba”, o máis poderoso dos bancos estranxeiros no país, se ben, nin así logrou achegarse, nin á fortuna, nin ó nivel de influencia que lograra acadar o seu pai.

Pero, o 8 de xaneiro de 1959 a Habana saudou con xúbilo a chegada de Fidel e a “Caravana de la libertad” e nada volveu ser igual. O soño editorial de “Pote” engrandecido por “Potico”, acabou nas mans da revolución e no abandono no que hoxe está.

A  mansión “Casa do chino”, que se converteu no edificio residencial máis alto da Habana

A información de hemeroteca que manexei para realizar este traballo non deixa moi clara a relación matrimonial que José López mantivo con Ana Luisa Serrano dende que ela enviuvou do propietario de  “La moderna poesía” e na que el era un simple empregado, ou, cando menos, a relación de convivencia que mantiñan cando “Pote” decidiu poñerlle fin á súa vida na luxosa mansión na que residía e da que, a dicir do cronista Germán Peña, soamente utilizaba “el altillo abuhardillado donde, sin más lujo que una mesa de madera sin pintar, una silla y una palangana de porcelana” porque era onde máis gozaba.

Esta mansión fora mercada polo primeiro embaixador da China en Cuba ó seu propietario inicial, de quen pasou a mans de José López, razón pola cal foi coñecida como la “Casa del chino”, e, polo menos no momento do suicidio, non compartía vivenda formal coa súa viúva, sobre a que os xornais cubanos daquela indican que residía noutro barrio da Habana.

En todo caso, tanto Ana Luisa como José Antonio e a súa irmá, María Caridad, foron os legatarios da súa fortuna e propiedades. 

José Antonio tivo que esperar a ver finalizado o seu proceso formativo e ter control das súas propias decisións, pero tan pronto puido -só once anos despois do falecemento de José- e probablemente co fin de borrar o escenario da traxedia familiar, mandou derrubar a mansión e levantar alí o que aínda hoxe é coñecido como “Edificio López Serrano”, considerado o edificio residencial máis alto da capital cubana, ata que en 1956 foi construído o “Edificio Focsa”, que aínda hoxe está considerado “una de las siete maravillas de la ingeniería civil cubana”.

Con vinte pisos de estrutura aceirada, máis outros catro dunha torre central, o edificio foi deseñado polo arquitecto Ricardo Mira en 1929, o mesmo que unha ducia de anos despois deseñou tamén o novo edificio de “La moderna poesía”.

Coa chegada da Revolución, as dúas construcións e outras propiedades dos López Serrano pasaron a mans gubernamentais, mantendo inicialmente a librería a súa actividade e o edificio tamén o seu carácter residencial. Os López Serrano, pola súa banda, procuraron acougo en Miami, onde José Antonio abriu unha versión humilde de “La moderna poesía”, que hai algo máis dunha década -igual que a orixinal- tamén tivo que pechar.

Te puede interesar
Más en Sociedad