Raquel Rodrigo, do ceo caeu unha estrela

Raquel Rodrigo en “Carceleras”, “La verbena de la paloma” ou “El barbero de Sevilla”, que rodou en Berlín en 1938.
photo_camera Raquel Rodrigo en “Carceleras”, “La verbena de la paloma” ou “El barbero de Sevilla”, que rodou en Berlín en 1938.
Non recibiu ningún Goya, pero forma parte da historia do cine español como protagonista de “Carceleras” (1932), a primeira película con son rodada en España. Tampouco naceu en Ourense pero, coma seu pai, foi xenuinamente ourensá

Mediaba marzo de 1915 na Habana cando no fogar do matrimonio do comerciante ourensán Abdón Rodríguez e María López caía coma do ceo unha estreliña á que lle porían por nome Raquel e na que destacaría, sobre todo, a intensa luz que refractaban aqueles esplendorosos ollos negros que, xunto cunha harmoniosa voz, definirían o seu camiño no futuro.

Non levaba moito tempo na illa, Abdón, aínda que si o suficiente como para ter botado raíces entre a sociedade galega en Cuba, escribir en revistas e xornais, participar na currosiana Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega e, loxicamente, ter casado en 1910 con María, cando a pequena Raquel chegou ó mundo nun entorno familiar que lle permitiu gozar dunha infancia feliz.

Unha infancia que, sen embargo, non duraría  moito na Habana, pois non cumprira os cinco anos cando seu pai, xunto co irmán deste, Luís, decidiron darlle meirande pulo ó negocio de representación comercial que rexentaban e propuxéronse distribuír caixas rexistradoras por outros países do Caribe, comezando por Puerto Rico e Venezuela, denantes de decidir o regreso a España e instalárense en Madrid, onde Raquel comezou a formación, non só regrada, senón tamén musical e de canto.

Rematou o bacharelato e, sen moita convición, matriculouse en Medicina. Pero, polo que realmente devecía era pola música, o que a levou un día, despois de volver das aulas, a dicirlle a seu pai que abandonaba Medicina porque “lo que quiero es ser cantante por encima de todo”. Foi dito e feito, ó día seguinte xa non volveu á facultade.

Rondaba os dezasete anos e, alén da animación de festas familiares -coma na voda da pianista tamén ourensá Obdulia Prieto Nespereira- e dalgunha que outra actuación no entorno social do Lar Gallego, pronto atopou espazo de expresión artística en Radio Madrid, amenizando as tardes de domingo con recitais de canto nas ondas, nos que afrontaba pezas do nivel de “La Bohème” de Puccini.

Logo, a sorte de estar no lugar axeitado no momento oportuno colocouna no Ateneo madrileño, onde o director José Buchs tivo ocasión de coñecer os seus rexistros. “El realizador de “Carceleras” -declara en 1934 na revista Estampa- se fijó en mí e inesperadamente me propuso trabajar en la película y mi mayor ilusión iba a convertirse en una realidad”.

Baseada nunha zarzuela, “Carceleras” fora rodada en 1922 en cine mudo e o que dez anos despois quería Buchs, era levala á pantalla  con son, para o que precisaba unha voz que destacara na cinta. E así foi, o 10 de outubro de 1932 a película foi estreada no cine Ópera e o éxito foi rotundo, de forma que aquela nena que se sentía máis galega ca habaneira pola influencia paternal, saltou ás revistas da época cunha forza inusitada.

Abonda con ler o que enfatiza o ourensán “Galicia” en xaneiro de 1933: “Queridas y añoradas tierras, echad al vuelo las campanas vocingleras de nuestro espíritu, que de ese cielo tan azul, tan puro, tan garimoso que os cubre cayó una estrella. ¡Raquel Rodrigo!”

Loxicamente, dende Ourense era desculpable tanto entusiasmo, pero o certo foi que a raíz das seguintes produccións, “Odio” -rodada en Combarro e baseada nunha novela de Fernández Florez-, “Doña Francisquita”, “El barbero de Sevilla” -rodada en Berlín- e, sobre todo, “La verbena de la paloma”, Raquel pasou a ser “los ojos negros de la pantalla española, que ofrecen a nuestro arte la esperanza firme de una estrella”.

Raquel Rodrigo en “Carceleras”, “La verbena de la paloma” ou “El barbero de Sevilla”, que rodou en Berlín en 1938.
Raquel Rodrigo en “Carceleras”, “La verbena de la paloma” ou “El barbero de Sevilla”, que rodou en Berlín en 1938.



A influencia do pai, un devalar trala guerra, o refuxio no teatro e un matrimonio de dez anos


Se cadra, para darlle explicación ós vieiros percorridos por Raquel -incluso entender por que mudou o Rodríguez por Rodrigo-, sería preciso afondar na personalidade liberal de Abdón Rodríguez, o fillo dun comerciante da rúa do Alba  que antes de cumprir o servizo militar marchou a Cuba, onde se reencontrou co inefable cura de Beiro, Basilio Álvarez, fixo amizade co poeta da raza, Ramón Cabanillas, publicou ducias de artigos sobre os máis diversos temas, e mesmo, xa en España, impartiu conferencias e, en varios tomos, escribiu  un libro titulado “Paisajes mentales”, todo elo cando llo permitía o seu modo de vida, que era o comercio de Seguros.

Para iso cumpría ler un artigo publicado por Ben-Cho-Shey neste mesmo xornal en xaneiro de 1971, uns días despois de morrer, no que, parafraseando a Basilio Álvarez, afirmaba que “si la personalidad de Ortega y Gasset pudiera partirse en dos, una de ellas, y no la peor, sería la de Abdón Rodríguez”, para logo rematar con un, “xeneroso sin ostentación, Abdón foi un magnífico exemplar human dos que honran a terra na que naceu”.

En 1934, entrevistada en “La Estampa”.
En 1934, entrevistada en “La Estampa”.

Raquel era en moitos aspectos unha extensión do carácter de seu pai. “Mis padres eran gallegos de Orense -afirma-, pero un día se fueron a Cuba y alli nací yo. Después regresamos a España cuando era muy joven. Así que tengo más de gallega que de cubana”.

Experimentado o éxito nos anos da república, nos que se codeou con Imperio Argentina ou Estrellita Castro e compartiu páxinas de revistas con Greta Garbo, Marlene Dietrich ou Joan Crawford, tralo remate da guerra a súa carreira cinematográfica foise apagando, refuxiándose no teatro e na zarzuela, protagonizando unha chea de papeis, pero sempre secundarios, pasando varios anos en Hispanoamérica e en 1962 -xa con 57 anos- casando co director Manuel Iglesias Vega, polo que abandonou a carreira.

O matrimonio, sen embargo, non durou máis de dez anos, o que a levou a retomar o contacto coa escena. En 1975 volveu ó teatro con Pedro Osinaga en “Sé infliel y no mires con quien”, que estivo en cartel durante máis dunha década, centrouse na radio e na televisión, traballou con Pedro Olea e Fernando León de Aranoa e faleceu en Madrid -vai para vinte anos- o 18 de marzo de 2004.n

Te puede interesar