Crónicas de agora e sempre

Zapateiro en Ourense, adiviño no Perú

Portada do expediente carcelario de ingreso de Armesto no penal de Caxias e no que se declara como enfermeiro.
photo_camera Portada do expediente carcelario de ingreso de Armesto no penal de Caxias e no que se declara como enfermeiro.
Nacido en Maceda nos albores de 1920, foi un neno prodixio na axitación política. Dirixente das xuventudes comunistas, preso en Ourense e Xixón, guerrilleiro na resistencia, fuxido a Portugal e preso de novo en Lisboa. Todo elo en tan só 28 anos

A axitada actualidade política hispanoamericana, centrada neste caso nas recentes eleccións de Guatemala e na aínda máis recente descuberta dun complot para asasinar ó presidente electo Bernardo Arévalo, trouxéronme á memoria a un ourensán que coñeceu ben, non só o pequeno país centroamericano, senón toda a rexión, non en van a súa vida, ademais de por Guatemala, tamén pasou por Estados Unidos, México e Venezuela, ata rematar a xeira exercendo de adiviño de “certa fama” no Perú.

Tan só fun quen de documentar unha parte da súa cronoloxía. Sen embargo optei por incorporalo a este senlleiro mosaico de ourensáns co fin de amosar a súa intensa actividade política durante a guerra e a posguerra -e a represión sofrida por elo- e ó mesmo tempo lanzar un anzol á espera de atopar máis información sobre a súa traxectoria, non tanto a sucedida en Ourense como a que desenvolveu nesa sucesión de paises hispanoamericanos polos que andou e coa que eu, polo de agora, non puiden dar.

Unha boa parte desa primeira etapa está relatada nun traballo de Arturo Taracena Arriola publicado pola Universidade Nacional de México baixo o título “Guatemala, la República Española y el Gobierno Vasco en el exilio”, no que aborda as xestións levadas a cabo polo diplomático mexicano Gilberto Bosques e pola organización non gubernamental “Unitarian Service Commitee”, destinadas ó traslado cara o outro lado do océano dos republicanos españoles refuxiados en Portugal.

Nese estudo aparece como exemplo o caso de Armesto na voz da directora do Unitarian Service, Nathalie Raymond, quen informa ó embaixador mexicano en Portugal de que “el 14 de junio de 1948 el refugiado español Alberto Armesto García había salido para Guatemala, vía Nueva York”.

Para aquela, xa o mexicano Bosques expedira ó seu favor unha autorización para entrar no país, que o obrigou a realizar unha declaración sobre a súa acción política.

Segundo esta e outros documentos, coma o expediente carcelario do forte lisboeta de Caxias, onde estivo recluído durante uns meses antes do embarque para Guatemala-, Armesto naceu en Maceda ó 18 de xaneiro de 1920, enfocando a súa actividade profesional como zapateiro, se ben cunhas fortes inquedanzas políticas que o levan a ingresar na xuventude comunista de Ourense con só 15 anos e, un ano despois, a ser secretario das xuventudes socialistas unificadas ourensás. E todo elo con inusitado protagonismo, pois no curto prazo de dous anos ha ter que pasar pola Casa de Socorro para ser atendido a causa doutros tantos altercados. A primeira, cando andaba nos 14 anos, para curar “una herida cortante en la región superciliar izquierda”, e a segunda, o mesmo día do golpe de estado -o 18 de xullo do 36-, por “herida inciso en la cara anterior de la pierna derecha”. Unha ferida, esta, que non lle impediu sumarse -tan só dous días depois- “a las partidas de huídos en los montes del Invernadeiro”.

Como consecuencia, sería detido por vez primeira no Nadal dese mesmo ano e once meses despois “juzgado y condenado por actividades terroristas, a la pena de 24 años”, quedando rexistrado na prisión ourensá con motivo da festividade da Mercede de 1939, como autor “de un dibujo a pluma de perfecto y original ambiente carcelario, obra de Alberto Armesto”.

Pero, por máis que participase na cotidianidade do penal, a vida entre catro paredes non casaba cos seus azos libertarios e denantes de que chegara a festa da Mercede do 43 -afirma- “fui castigado por intento de fuga, en unión del médico madrileño don Enrique Robles Soldevilla”, tendo como resultado “el traslado al presidio del Coto de Gijón, en el que estuve recluído hasta noviembre de 1945, que salí en libertad a resultas del indulto general concedido con fecha 9 de octubre del mismo año”.

Resulta identificativo do seu compromiso político o inciso que inclúe na declaración, asegurando que “en tal presidio formaba parte de las fuerzas comunistas”.

Portugal -sempre- como xanela libertaria, pero non exenta de perigos como “Caxias”

Liberado en Asturias, con só 25 anos e unha experiencia vital insólita para esa idade, regresa a Ourense co obxectivo de continuar na loita aínda a risco de ter que volver á cadea ou mesmo de poñer en perigo a súa vida.

Pero como era de agardar, “debido a la brutal intervención franquista”, atopa un P.C. completamente aniquilado “y sin control”, o que o leva ingresar “en el Partido socialista, grupo Negrín” e, consecuente e inexorablemente -un pouco máis dun ano despois- a saber que “el 15 de septiembre de 1947 fue decretada de nuevo mi detención”, polo que definitivamente decide fuxir a Portugal.

Faino na compaña dos activistas republicanos Manuel López Santos e Francisco Doval Fernández (aínda que o primeiro no aparece no rexistro do Consulado de México en Portugal), sendo quen de chegar ás inmediacións de Lisboa, se ben, ó seren detectados indocumentados pola temida Policia Internacional de defensa do Estado (PIDE), son detidos e trasladados ó municipio costeiro da Eirceira, a tan só trinta quilómetros da capital portuguesa, onde a propia policía e a organización Unitarian Service tiñan asinado un acordo de instalación nese municipio “en regime de residencia forçada”, en canto agardaban a conseguir a documentación para poderen viaxar a México.

De aí que no rexistro de ingreso no penal de Caxias, onde estivo recluído entre abril e xuño de 1948, apareza como residente na Ericeira, declarándose, ademais, casado e enfermeiro de profesión.

Gracias, pois, á intervención da organización non gubernamental que tanto ben lle fixo a moitos dos fuxidos a Portugal, o día 12 de xuño de 1948, con 28 anos ás costas, que lle habían pesar coma se foran 82, pero con toda unha vida por diante, foi “acompanhado ao aeroporto de Lisboa, a fim de embarcar” para Guatemala, previo paso polos Estados Unidos e México, poñéndolle punto e seguido a unha xeira polo de agora non documentada, pero que se aventura non exenta de interesantes peripecias polo resto de países sudamericanos polos que andou.

Como contraste, reseñemos que si está documentada a súa residencia en Venezuela e que, se lle facemos caso á Wikipedia, “as últimas novas que se teñen del sitúano como adiviño de certa fama no Perú”.

Descoñezo os pormenores, pero non me resisto a desexar que sexa certo, pois sería un epílogo “sublime” para unha vida de película!

Te puede interesar