A Universidade de Vigo abrirá o vindeiro mes de setembro a matrícula para os seus programas de doutoramento, o máis alto grao académico que ofrecen as universidades como centros de educación superior e o único que posibilita adquirir o título de doutor ou doutora e con el a competencia para desenvolver a carreira investigadora. A oferta inclúe preto de 40 títulos e a previsión é que se repitan cifras de matriculación moi similares ás do curso pasado, con preto de 1.500 persoas matriculadas nos tres campus.
O principal responsable da organización de toda esta oferta de títulos é o profesor Antonio Pino, director da Escola Internacional de Doutoramento, Eido, quen subliña que calquera estudante que teña inquietude “por situarse na fronteira do coñecemento, en disposición para avanzar sobre ela e xerar novos saberes debería formarse como investigador e, por tanto, adquirir o título de doutor”. Nesta liña, destaca que as persoas interesadas atoparán na UVigo unha oferta “ampla e variada” que inclúe titulacións en todos os ámbitos do coñecemento e un amplo número de prazas. “É unha oferta de calidade, non só pola consolidación de todos estes programas, senón tamén pola excelencia investigadora dos grupos de investigación que os sustentan”, explica Pino, facendo fincapé en que detrás de todos estes programas formativos hai diferentes liñas de investigación “punteiras e activas” con financiamento en forma de proxectos de todo tipo (convocatorias autonómicas, nacionais, europeas…).
Forte aposta orzamentaria
“A formación de doutoramento é unha aposta estratéxica da UVigo e así se reflicte nos seus orzamentos”, explica o director de Eido, salientando que a dotación económica que dedica a institución a estes programas formativos é superior á doutras escolas de doutoramento. “Estes recursos económicos dedícanse, na súa inmensa maioría, a distribuírse entre os diferentes programas para que poidan afrontar sen dificultade os gastos da actividade formativa”, explica o docente, quen tamén salienta que a gran maioría das actividades se ofertan para ao alumnado de distintos programas do mesmo ámbito, o que, á súa vez, se reforza cunha formación transversal centralizada.
de análise económica e estratexia empresarial; Ciencias mariñas, Tecnoloxía e xestión e tecnoloxías da información e as comunicacións.