María Gómez e Verónica Salgueiriño, da UVigo: "Investigar axuda a madurar e nunca aburre"

María Gómez e Verónica Salgueiriño, na súa visita ao plató de Atlántico TV.
photo_camera María Gómez e Verónica Salgueiriño, na súa visita ao plató de Atlántico TV.
Entrevista a María Gómez e Verónica Salgueiriño, investigadoras da UVigo 

 

Visibilizar o traballo das investigadoras e ofrecer referentes actuais, especialmente entre as persoas máis novas, son dous dos obxectivos da UVigo coa publicación do catálogo "Quero ser investigadora 3".

Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da UVigo. Este volume ilustrado conta a historia de dez investigadoras. Dúas delas son Verónica Salgueiriño Maceira e María Gómez Brandón, ambas investigadoras e docentes na UVigo. 

Cando decidistes ser investigadoras? 

M: Comigo comezou dende pequena. A min gustábanme moito as ciencias naturais e era moi curiosa, gustábame facer moitas preguntas. A miña familia apoioume para poder seguir e cando entras na universidade empezas a descubrir que é iso da investigación. Cando es pequerrecha máis ben faste preguntas e buscas respostas. Estudei Bioloxía en Santiago e logo empecei a introducirme ao mundo do laboratorio. Sempre me gustou moito a bioloxía molecular e cando rematei a licenciatura tiven a oportunidade de empezar na UVigo co doutoramento. Aí xa fun entendendo máis o que era investigación. Eu de pequeniña quería ser profe e gustábanme moito as ciencias. Despois colleu forma.  

V: Na miña formación académica gustábanme máis as ciencias, pero non houbo un momento concreto no que dixera “gústame a investigación”. É un andar, facer camiño. O papel importante tívoo a miña nai, que me animou a continuar no mundo académico.  

Que estades investigando? 

M: O meu campo é o biotratamento de residuos orgánicos e tamén a aplicación de emendas no chan no solo para avanzar cara a unha agricultura sostible. Emprego técnicas de baixo impacto ambiental, como vermes ou larvas de insecto para tratar eses residuos e obter produtos de valor engadido como abono ou vermicompost. Despois, valoro a súa aplicación no chan, sobre todo enfocándome cara aos microorganismos. Eses bichiños que non se ven pero que fan cousas importantes na descomposición da materia orgánica.  

V: Eu traballo coa síntese química de materiais nanométricos, son materiais moi pequeniños que teñen que ser magnéticos. Tratamos de empregalos en distintos eidos coma a espintrónica. Outro eido que se engloba no Cinbio son as liñas de investigación centradas en aplicacións biométricas ou biorrelacionadas. Por exemplo, poden empregarse como axentes de contraste nas resonancias magnéticas. Ou para metelas no corpo de xeito que poidan liberar calor de forma controlada e maten as células cancerosas. Tamén temos unha nova liña de investigación para ver se podemos incorporar estas partículas en sistemas que se poden propulsar por si mesmos de xeito que se poidan empregar coma se foran nanorobots. Deste xeito poderían levarse onde queremos que se faga unha determinada tarefa. Agora estamos investigando para ver como empregar estes sistemas que se autopropulsan baseándose na degradación de materiais plásticos nas augas mariñas. De tal forma que tes unha zona da ría contaminada con micro e nanoplásticos e estes sistemas propulsaríanse máis rápido canto maior sexa o número de plásticos. 

En que punto se atopan actualmente estas investigacións? 

M: Eu empecei hai pouco a traballar con larvas de insecto e é moi interesante. Para a bioconversión de residuos orgánicos utilizamos larvas de insecto. Temos un produto que ten esas propiedades biofertilizantes para aplicar ao chan. Ves iso, importantes avances tanto na agricultura coma na produtividade dos cultivos e tamén nas comunidades microbianas e no sistema solo-planta.  

V: No meu caso, na liña de investigación na que tentamos sintetizar materiais  magnéticos nanométricos que teñan unas propiedades moi particulares. Aquí estou moi orgullosa dun proceso que deseñamos para que certos materiais que deberían comportarse como antiferro, compórtanse como ferro polo feito de telos na escala nanométrica e nunha determinada fórmula. Isto constitúe un avance moi importante, porque en función do comportamento podemos empregalos en distintas situacións.   

Que vos aporta a vós a investigación? 

M: Cando comecei era unha persoa bastante tímida e meterme no mundo da investigación obrigoume a abrirme e a coñecer xente. A nivel de amizade, de facer grandes amigos en Austria e tamén cando voltei. A nivel persoal supuxo unha madurez e a nivel profesional estás aprendendo constantemente. Hai momentos de estancamento pero a investigación mantenme en constante aprendizaxe. 

V: A satisfacción persoal. Ás veces é un insistir constantemente e cando se consegue, ben sexa por unha publicación que teña impacto ou citas, recoñecida pola comunidade científica, iso é unha gran satisfacción de saber que contribúes ao avance científico.  

Que pensades que aporta a divulgación científica á sociedade? 

V: Eu creo que a pandemia supuxo un antes e un despois na divulgación da ciencia. A ciencia achéganos solucións a preguntas ás que debemos dar resposta porque diso depende a nosa vida e a divulgación pon a todo o mundo en aviso da importancia desta actividade.  

Que dificultades vos atopades polo camiño?

M: No meu caso, burocráticas, económicas e de financiamento. Eu acabo de estabilizarme, comecei en 2003 e agora despois de 20 anos conseguín consolidar. É moi competitivo. A estabilización chegou moi tarde.  

V: Trabas administrativas, burocráticas e de financiamento. Vivimos nun país no que afortunadamente temos unha serie de normas que tratan de que todo sexa igualitario, pero non son 100% efectivas. Á hora da verdade non estamos nas mesmas condicións. É moi difícil para unha muller entrar nunha temática nun grupo de coñecidos. Historicamente esa temática estivo controlada por un grupo de homes. hai unhas liñas, unhas amizades persoais que ti non tes e que hai que empezar de cero. Ese colegueo, no sentido positivo, é onde temos que facer nós un esforzo para meter as mulleres nesa rede.

Cales son os vosos referentes?

M: No colexio sempre nos falaban de Marie Curie e a min gustábame moito Rosalind Franklin, marxinada polos seus colegas co descubrimento da dobre hélice do ADN. A nivel persoal, o coordinador do meu grupo  de postdoc foi un apoio fundamental.  

V: Eu sempre tiven xefes e supervisores homes, referentes femininos non vía por ningún lado. Hai un momento no que es consciente de que non hai igualdade real e empezas a tratar de indagar onde están elas, buscas mulleres que antes ca ti traballaran nesas áreas. Logo eu si que busquei a outras mulleres que traballaran no mesmo campo ca min a propósito.

Como animariades á mocidade que pensa en dedicarse á ciencia? 

M: Investigar axuda a madurar persoal e profesionalmente. Dáche a oportunidade de coñecer xente e facer preguntas. Estás nun continuo, estás sempre aprendendo,  nunca hai aburrimento. Animo a todos a que proben e intenten.  

V: Hai que animar ás rapazas porque as ciencias son moi interesantes. E aquí avogo polo labor dos docentes en primaria e secundaria. Un ten que ter en conta que as nenas e nenos son moi maleables e están rodeados de moita información. Ás veces as nenas poden recibir unha mensaxe errónea de que elas non valen para determinadas disciplinas. Se non conseguimos que as mulleres estuden as carreiras STEM, seguiremos tendo unha fenda salarial.

Te puede interesar