UNIVERSITAS

Alianza para minimizar riscos nos ríos Miño e Limia

Asinouse un protocolo de colaboración para un proxecto transfronteirizo

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, está impulsando un proxecto de cooperación transfronteiriza chamado Risc Miño-Limia que ten como obxectivo a preparación das concas internacionais dos ríos Miño e Limia fronte a fenómenos extremos cada vez máis frecuentes producidos por intensas choivas ou secas prolongadas.

A entidade asinou un protocolo de colaboración para o impulso desta iniciativa coa súa homóloga lusa, a ARH Norte da Axencia Portuguesa do Ambiente, e coas universidades de Vigo e Porto. Os axentes implicados confían en pór en marcha unha iniciativa que durante tres anos suporía un investimento de 2,5 millóns de euros en coñecemento e que constituiría o primeiro gran proxecto internacional no que se implicaría o Campus da Auga, a aposta de especialización do campus de Ourense.

Na sinatura participaron Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; o seu homólogo na ARH Norte da Axencia Portuguesa do Ambiente, José Carlos Pimenta, e Rodrigo Maia, da Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto, estando tamén Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, cuxa entidade acolleu o acto de sinatura do protocolo, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.

Te puede interesar
Más en Universitas