Análise de como incentivar o comercio xusto na área de Vigo

comercioxus_result
photo_camera Amigos da Terra, Oxfam-Intermón e Universidade buscan incentivar o comercio xusto.

Amigos da Terra, Oxfam-Intermón e Universidade únense para compartir un ambicioso proxecto

n Vigo existen nove tendas especializadas en comercio xusto, pero cada vez máis as grandes superficies e supermercados e a hostelaría estanse abrindo paso neste mercado. Na cidade e na súa área metropolitana tanto á demanda como á oferta destes produtos segue a faltarlle percorrido. Desta necesidade de promoción e coñecemento xorde o proxecto de investigación que, co financiamento da Xunta de Galicia, poñen en marcha Amigos da Terra, Oxfam-Intermón e Universidade de Vigo.

Esta iniciativa comprende dúas liñas de estudo, a primeira centrada na agricultura ecolóxica e a segunda dirixida ao comercio xusto, que é na que se implican investigadores da Universidade e voluntarios de ambas ONGD. O profesor Carlos M. Fernández-Jardón lidera o equipo universitario e explica que a institución está sensibilizada neste eido, pero na contorna falta coñecemento para saber cales son os produtos máis demandados, as motivacións, as preferencias, etc. Para dar resposta a esa necesidade de información, os investigadores estableceron tres fases.

Como explica o investigador “a primeira, que xa rematou, centrouse en analizar os elementos básicos e eixos do comercio xusto que sería interesante promover en Vigo”. A segunda é a realización dunha enquisa en liña, dispoñible ata finais de mes, que permita coñecer hábitos e motivacións da cidadanía e da comunidade universitaria, e finalmente, cos resultados obtidos elaborarase un plan de actuación que permita potenciar e desenvolver o comercio xusto na cidade.

Te puede interesar
Más en Universitas