NOVAS

Ecos do horror galego en Mauthausen resoan no campus vigués

A iniciativa do grupo de Tradución e Paratradución completarase cun relatorio sobre Joaquín Balboa

Ecos do horror galego en Mauthausen resoan no campus vigués

Uns 200 galegos sufriron en primeira persoa os horrores dos campos de concentración e exterminio nazis. Pouco máis de 60 sobreviviron. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, veciños das comarcas de Monterrei e Carballiño, respectivamente, foron dous deses 60 homes que saíron con vida das fábricas de morte de Mauthausen e Buchenwald, respectivamente. A través das fotografías e textos que compoñen os 14 paneis de cartón pluma nos que se aborda a historia dos republicanos españois obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil e posteriormente deportados a campos de concentración nazis, a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio está a render homenaxe desde hai un ano a Joaquín e Antonio cunha exposición que se pode visitar no hall do pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución, á que chega da man dos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. “A decisión de traermos esta exposición á Facultade responde a dúas accións: investigación e transferencia de coñecemento á sociedade, neste caso á comunidade universitaria, á sociedade civil e ao alumnado de secundaria. E coa investigación pretendemos recuperarnos a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da nosa liña de investigación Memoria, Mestizaxe e Migración, colocando o foco nesas persoas anónimas, con nomes e apelidos, que pasaron desapercibidos polos historiadores”, explican Ferreiro e Garrido, que lembran ademais que o 5 de maio se conmemora a liberación do campo de Mauthausen.

A exposición Galegos en Mauthausen, que se poderá visitar ata o 8 de maio, complétase cun relatorio que o profesor de historia e xeografía Eladio Anxo Fernández ofrecerá hoxe xoves ás 11:30 horas no salón de actos da Facultade. No seu relatorio, Fernández centrarase na figura de Joaquín Balboa, en cuxa recuperación leva anos a traballar “de maneira exemplar e con moito rigor científico, patente en cada un dos datos ofrecidos nos paneis da exposición”, sinalan os investigadores.

Tralo seu paso durante o último ano por varios centros educativos de Primaria e Secundaria galegos, a exposición Galegos en Mauthausen chega á Universidade de Vigo co obxectivo de que “o estudantado, profesorado, PAS ou sociedade civil poda visualizar unhas instantáneas ou retratos non tan coñecidos. Por desgraza tamén houbo vítimas galegas nos campos nazis, unha realidade que de seguro chocará e espertará as consciencias do público asistente á mostra fotográfica”, explican os organizadores, para os que a fotografía, como oitava arte, ten un impacto emocional diferente ao que pode ter a mesma imaxe descrita nun artigo científico.