UNIVERSITAS

Estévez pon un grao de area para combatir a hipertensión

Propón na súa tese de doutoramento como extraer péptidos bioactivos

A investigadora Natalia Estévez, no Campus de Ourense.
A investigadora Natalia Estévez, no Campus de Ourense.
Estévez pon un grao de area para combatir a hipertensión

Galicia é a principal rexión produtora de leite de España, cun 40% da produción total e arredor de dous millóns de toneladas anuais. Estes datos levan consigo unha longa tradición na elaboración de queixo. Para os investigadores, a industria queixeira é un exemplo claro de problema ambiental e económico que esixe unha solución tecnolóxica. Na elaboración do queixo, obtense como subproduto o soro de leite, que representa o 85/90% do volume de leite empregado e retén o 55% dos seus nutrintes. Na crecente preocupación social tanto pola conservación do medio como pola saúde, a industria busca reducir as cifras a través da I+D+i. Na súa tese de doutoramento, Natalia Estévez deseñou con éxito unha plataforma tecnolóxica de grao alimentario para transformar o soro de queixería deslactosado en ingredientes funcionais.

Natalia Estévez presentou a súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias baixo a dirección de María Luisa Rúa e Juan Pablo Fuciños e co título "Integrative processes for the valorisation of bovine whey proteins through the production of bioactive peptides and heat-induced gels, and their use as functional ingredients". A investigación, sinala Estévez, comezou no ano 2007, cando o Laboratorio de Bioquímica deste centro iniciou unha colaboración científica coa queixería galega Queizuar SL coa finalidade principal de desenvolver procesos para valorizar por vía biotecnolóxica o soro de leite excedente da súa produción de queixo.