DEPORTE UNIVERSITARIO

Homenaxe aos éxitos e á difusión dos valores da práctica deportiva

O Centro Social Afundación de Vigo acolleu a XXIV Gala do Deporte Universitario

Homenaxear a aquelas persoas e colectivos que destacan tanto polos seus éxitos nas competicións como polo seu labor de difusión dos verdadeiros valores da práctica deportiva. Este foi un ano máis o principal obxectivo da XXIV Gala do Deporte Universitario que se celebrou hai uns días no Centro Social Afundación de Vigo. Á cita non faltaron autoridades, membros da comunidade universitaria, deportistas e afeccionados. A gala foi conducida pola xornalista Noelia Otero e estivo amadriñada por Begoña Fernández, a mellor xogadora de balonmán de todos os tempos. 

PREMIADOS
A cerimonia arrancou coa entrega de premios aos medallistas dos Campionatos de España Universitarios, os taekwondistas Katia Calvar, Marta Colón, Pablo Fernández, David González, Laura Lorenzo e Francisco Padín; os nadadores Laura Pimentel e José Ramón Rey; a campiona de esgrima Judith María Rodríguez; e os atletas José Alfonso Palomanes, Carmen Sánchez e Carlos Revuelta. 

Na categoría de premios para as seccións federadas foron distinguidos na modalidade de equipos os clubs de balonmán da provincia de Pontevedra polo seu apoio á conciliación da práctica deportiva coa actividade académica. O outro premio desta categoría foi para a sección de xadrez da Universidade de Vigo. Xa en deporte federado individual, o galardoado foi o xadrecista Rubén Fernández, un neno de 10 anos que compite dentro da sección de xadrez da Universidade de Vigo.

O adestrador do Blusens, Norman Maxwell, tamén recibiu este premio en forma de estrela “que simboliza a excelencia”, foi galardoado por encarnar os valores do deporte, polo seu compromiso social e por dar a coñecer o rugby da Universidade máis aló das nosas fronteiras. 

Un dos premios máis emotivos da noite foi a mención especial ao persoal propio, que este ano estivo dedicado ao director da EU de Estudos Empresariais Patricio Sánchez, coordinador do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo dende a súa creación en 1991 ata 1996 e que desde entón apoia sempre todas as iniciativas deportivas. Tamén mención especial como egresado a Miguel Romero, un dos judocas máis laureados de todos os tempos.
Un dos pratos fortes da gala chegou coa entrega do Premio Deportista Universitario do Ano, que recaeu no centrocampista do RC Celta de Vigo e estudante do Grao en Educación Primaria Borja Fernández. Tras este galardón, o Club Flic Flac recolleu o primeiro premios que se outorga a un equipo polo fomento do deporte de base, distinción coa que se quixo recoñecer o labor deste club de ximnasia acrobática que arrancou en 2003 con apenas oito ximnastas e que agora forma a máis de 400 nenos e nenas. 

Destacaron tamén outros recoñecementos como o IV Premio Vida, o IV Premio Valor Solitario e os VI Premios á Excelencia Deportiva, entregado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Te puede interesar
Más en Universitas