INVESTIGACIÓN

Investigadores de Ciencias do Mar mapean a fauna bentónica da ría de Vigo

Os resultados amosan 113 especies diferentes, pero a máis abundante é a invasora Crepídula fornicata

A pesar de que o litoral da ría de Vigo é un dos máis poboados de Galicia e que as súas augas están estudadas a case todos os niveis, existía un baleiro no tocante á megafauna bentónica, que comprende especies tan recoñecibles como a voandeira, a vieira ou os ourizos.

Coa excepción de algún estudo sobre especies comerciais, a comunidade investigadora carecía de análises concretos sobre a distribución deste tipo de organismos na ría. Neste contexto, e raíz doutras investigacións en marcha, os investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal e o experto en peixes Rafael Bañón puxeron en marcha un estudo pioneiro para mapear a fauna bentónica na parte non estuárica da ría de Vigo. O traballo vén de ser publicado na revista Continental Shelf Research.

Os resultados amosan dúas conclusións evidentes. Por unha banda, destacan que existen unha gradación das poboacións da parte máis interna, na que predominan os moluscos, á máis externa da ría, onde os equinodermos son maioría. O outro resultado do estudo que salientan os científicos é que unha especie invasora, a Crepídula fornicata, é xa a máis abundante da ría, especialmente na parte interna, cando a súa presenza nos anos 80 era anecdótica.

O investigador Fernando Aneiros explica que a presenza da UVigo, do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía fan da ría de Vigo un medio moi investigado, polo que achar que había moi poucos estudos realizados sobre a fauna bentónica da ría foi unha sorpresa.

“Os poucos traballos feitos datan de finais dos 70 e principios dos 80 e foron elaborados polo CSIC”, explica Aneiros, pero estaban centrados en especies de interese comercial, non dende un punto de vista ecolóxico. 
Os investigadores subliñan que, pola contra, si existían estudos sobre a infauna que vive dentro do sedimento, pero non da megaepifauna, de maior tamaño e moi visible, como estrelas de mar, ourizos, especies comerciais como voandeira ou vieira, ou as ofiuras, que son moi abundantes pero non estaban moi estudadas. Lonxe do obxectivo da análise comercial, este equipo de traballo centrouse en identificar especies, avaliar a súa abundancia e mapear a distribución de cada grupo.

O traballo arrancou cunha mostraxe realizada en xuño de 2014 con 75 puntos de recollida na zona non estuárica da ría, é dicir, dende a ponte de Rande ata as illas Cíes. Para esta parte do estudo contaron coa colaboración da Confraría de Cangas, que lles cedeu un barco do arrastre, coa que se adoita capturar por exemplo voandeiras ou vieiras. Tras a identificación e análise das especies e a elaboración do mapa de distribución das mesmas, en 2015 comezaron a traballar na redacción do artigo e nas análises pendentes, gráficas e mapas. O estudo non identificou primeiras citas de especies para a ría, pero contabilizou 113 especies diferentes. 

O estudo constatou unha gradación das especies dende a parte interior á exterior da ría. Na zona interna, preto de Rande, predominan os moluscos, entre eles os bivalvos comerciais como a voandeira; mentres a medida que se avanza cara a zona máis aberta aumenta a presenza de equinodermos, sobre todo ofiuras e ourizos. Isto débese a que estes son máis sensibles a cambios de salinidade, contaminación, etc. e a zona interna da ría “está máis afectada pola contaminación de Vigo, sofre máis inputs de auga doce, a concentración de osíxeno no sedimento é máis baixa e a renovación da auga é menor. Neste medio, predominan os moluscos xa que son máis resistentes a estas condicións.n

Te puede interesar
Más en Universitas