EN PORTADA

Máis de 4.000 portas abertas á experiencia profesional do alumnado

Un total de 4.196 estudantes da Universidade realizaron prácticas curriculares e extracurriculares o curso 2014/2015

Máis de 4.000 portas abertas á experiencia profesional do alumnado

nnn Entrar en contacto e entender mellor a contorna profesional antes de incorporarse a ela, son dúas das principais achegas das prácticas preprofesionais ao alumnado universitario, que a través delas tamén é quen de comprobar in situ a relación entre as titulacións que estudan e a realidade profesional. Mentres, no caso das empresas ou institucións, as prácticas son un xeito de poñer a proba a xente nova, testando coñecementos, capacidades e actitudes e preseleccionar persoas que poden ter un encaixe profesional nestas firmas ou entidades.

O pasado curso 2014/2015 un total de 4.196 estudantes da Universidade de Vigo realizaron prácticas, tanto curriculares, como extracurriculares. Se no primeiro caso as prácticas están configuradas como actividades académicas integradas como materias dun plan de estudos con carácter obrigatorio ou optativo, no das extracurriculares, trátase de prácticas que se desenvolven de xeito voluntario durante o período de formación e que, aínda tendo a mesma finalidade que as curriculares, non forman parte do plan de estudos. A suma das curriculares e das extracurriculares e a aplicación de Boloña tradúcese na práctica en que a ratio de cobertura das prácticas achégase ao 100%.

Este achegamento do estudantado ao mundo laboral non sería posible sen a complicidade das empresas e institucións coas que a Universidade ten asinados a día de hoxe máis e 2.000 convenios. Industrias Ferri, unha compañía con máis de 50 anos de traxectoria dedicada a fornecer de maquinaria especial e solucións innovadoras á industria naval, enerxía, defensa e outros sectores, é unha desas máis de 2.000 empresas nas que o alumnado da UVigo realiza as súas prácticas e na que, en non poucos casos, entran a formar parte do seu cadro de persoal.

Precisamente, Industrias Ferri acolleu un acto, no que ademais de darse a coñecer os resultados das prácticas realizadas polo alumnado da Universidade de Vigo, tamén se presentaron os detalles do I Premio Ricardo Fernández-Ferri á creatividade industrial. A convocatoria, que leva o nome do fundador da empresa, Ricardo Fernández, está dotada con 3.000 euros e a ela poderán concorrer as persoas matriculadas nas escolas de enxeñaría Industrial, de Telecomunicación e Minas durante o curso 2015/2016, que desenvolvan unha idea de carácter técnico que supoña unha innovación de proveito industrial nalgunha das áreas de actuación de Industrias Ferri: naval, enerxía e perforación e demolición.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu a colaboración que desde hai anos mantén Industrias Ferri coa institución académica facendo posible o achegamento do alumnado ao mercado laboral, pero tamén en ámbitos que van máis aló da cooperación educativa, como a investigación, a transferencia de coñecemento e agora tamén a través da convocatoria do I Premio Ricardo Fernández- Ferri.

Mato lembrou que case o 100% do alumnado da Universidade realiza prácticas curriculares, mentres se segue a incrementar a porcentaxe de prácticas extracurriculares. “A colaboración coas empresas permite enraizar o tecido produtivo e competir a través do coñecemento”, dixo o reitor, que ve nesta fórmula un xeito de evitar a deslocalización. “Queremos axudar a ser motor de crecemento dun modelo económico baseado no coñecemento”, asegurou Mato, que destacou o incremento experimentado nos últimos anos no número de convenios subscritos con empresas para a realización de prácticas preprofesionais do alumnado.n