A facultade ourensá oferta para o vindeiro curso a modalidade semipresencial do grao sen límite de prazas
Cando un ten 18 anos e escolle que carreira estudar ás veces acerta, outras erra e outras acerta a medias. Cos anos e coa madurez, un reafirma vocacións, descobre outras ou amplía as súas áreas de interese. Para todos aqueles que non estudaron Historia no seu momento e que queren quitarse esa espiña pero dun modo compatible coas súas vidas familiares e laborais, a Facultade de Historia do campus de Ourense ofrece para o vindeiro curso o seu grao semipresencial en Xeografía e Historia.
“Con este grao o que queremos facer é retar á xente que sempre di que lle houbese gustado estudar Historia. Se así é, agora teñen a oportunidade de facelo e ao seu ritmo”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus. O plan de estudos é o mesmo que o grao presencial, non hai limite de prazas e as persoas matriculadas só terán que acudir fisicamente ao centro para as probas orais e/ou escritas das materias e para as titorías personalizadas, empregando a plataforma Moodle para o ensino a distancia.
A modalidade semipresencial, apunta Reboreda, aprobouse en xullo do ano pasado e arrancou este curso académico de xeito piloto. “O que aconteceu foi que se aprobou moi tarde de cara á matrícula, e case non houbo tempo para dalo a coñecer”. Pensando no curso que vén, desde o centro ourensán poñen agora en marcha a campaña Fai Historia con nós, na que xogan con personaxes históricas como Napoléón, Cleopatra e Frida Kahlo para demostrar que non é necesario grandes xestas facer “Historia”, chega con matricularse na Universidade de Vigo, na modalidade semipresencial do grao en Xeografía e Historia.n