Un total de 14 estudantes de Esdemga expoñen os seus deseños na Casa Galega da Cultura.
nnn En 2015 foi a tradición e súa interpretación presente. Neste recentemente estreado 2016, son os tecidos sen tratar, sen tinguir e sen estampar os protagonistas da exposición que trae a Vigo os traballos do estudantado de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza. A mostra, que leva por título "Tecido Cru.
Deseñar e construír. Exercicio e didáctica no deseño", comprende unha selección de propostas de 14 alumnos e alumnas que teñen en común un achegamento ao tecido nu, como unha folla en branco, na que poder apreciar a trama, as fibras, o entrelazado... Así, nesta colectiva comisariada polas profesoras Lola Dopico e Cristina Varela, prevalecen os brancos e os tons crus, o natural, o material orixinal e as formas case construídas, arquitectónicas repletas de pregos, ondulacións e foles.
A exposición foi inaugurada o pasado xoves na Casa Galega da Cultura e poderase visitar ata o 21 de febreiro. No acto institucional o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e o alcalde, Abel Caballero reiteraron a importancia da proximidade entre Universidade e cidade que se xera con este tipo de actos, que achegan á cidade os resultados do traballo que se fai en titulacións como Esdemga. Caballero salientou neste sentido a importancia de dar visibilidade non só á excelencia na ciencia, senón tamén na creatividade, “amosando unha nova dimensión da Universidade”.