FACULTADES

Primeiro simulacro de atentado da Universidade

enmárcase na implantación e revisión dos plans de autoproteccióN

Un momento do simulacro de bomba.
Un momento do simulacro de bomba.
Primeiro simulacro de atentado da Universidade

No marco da implantación dos plans de autoprotección cos que contan as diferentes facultades e escolas da Universidade para facer fronte a posibles emerxencias, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais organiza simulacros que permiten poñer en práctica as medidas recollidas no documento e a formación adquirida polos equipos de emerxencia dos diferentes centros. Mais ata o de agora, ningún destes simulacros afectara conxuntamente a varias facultades e escolas, como aconteceu no campus de Pontevedra, onde unha suposta ameaza de bomba motivou a evacuación das facultades de Fisioterapia, Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación, así como da Escola de Enxeñaría Forestal. Efectivos da Policía Nacional, Policía Local Bombeiros de Pontevedra e 061 participaron neste simulacro, no que finalmente tiveron que atender unha situación real, a dunha alumna que sufriu unha indisposición minutos antes do seu inicio.

“É a primeira vez que facemos un simulacro con varios centros á vez e a tamén a primeira vez que simulamos unha ameaza da bomba”, salienta María José Montero, técnica do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dunha acción que completaba a implantación dos plans de autoprotección de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, ao tempo que servía tamén para revisar os previamente implantados en CCSS e da Comunicación e na EE Forestal, que xa desenvolveran simulacros de seu previamente. “Saíu todo bastante ben, faltáronnos os equipos externos por mor desta emerxencia real”, engade Montero dunha iniciativa que levou ao alumnado, profesorado e persoal de administración de servizos ata o acceso á Illa das Esculturas, “punto de encontro común para todo o campus”.